O 14º concurso de micro-relatos OZOCOgz xa ten abertas as súas bases cunha temática central clara: O MEDO.
A iniciativa literaria, que cada ano suma novas voces da creación en galego, manterá aberto o prazo de participación entre o 10 de febreiro e o 30 de abril de 2026, ambas datas incluídas.
O medo protagoniza o 14º concurso literario de OZOCOgz
O certame está dirixido a persoas maiores de 16 anos con perfil en Facebook. Os textos deberán estar escritos en lingua galega, tanto na normativa ILG-RAG como na AGAL, ser orixinais, inéditos e non presentados nin premiados noutros concursos.

Unha temática universal: o medo
Baixo o título xenérico O MEDO, a organización propón unha reflexión creativa arredor dun sentimento común a persoas e animais. O medo pode provocar desacougo, mais tamén activar mecanismos de defensa e superación. Trátase dunha emoción transversal que acompaña ao ser humano dende a infancia até a morte.
O concurso anima ás autoras e autores a explorar medos racionais ou imaxinarios, presentes ou futuros. A literatura universal e o propio refraneiro galego ofrecen abondosos exemplos desta emoción como motor narrativo.
Requisitos de participación
Cada participante poderá presentar un único micro-relato cunha extensión máxima de 150 palabras. Para que a obra sexa admitida, deberán cumprirse os seguintes requisitos obrigatorios:
- Ter 16 anos ou máis.
- Dispoñer dun perfil en Facebook.
- Compartir o evento do concurso etiquetando @ozocogz e empregando #ConcursoMicro-relatosOZOCOgz e #ConcursoMicrorrelatosOZOCOgz.
- Premer en “Gústame” na páxina oficial de OZOCOgz e facerse seareiro/a.
Os relatos poderán enviarse mediante mensaxe privada á páxina de Facebook de OZOCOgz ou ao correo electrónico micro-relatos@ozocogz.gal, indicando no asunto “14 CONCURSO MICRO-RELATOS OZOCOgz”. En ambos casos deberá incluírse o nome do relato, un pseudónimo e un número de teléfono de contacto.
A organización lembra que non se poden publicar directamente os textos en redes sociais, xa que esa tarefa corresponde exclusivamente a OZOCOgz.
Xurado e premios
O xurado desta décimo cuarta edición está composto por Alba Rguez. Saavedra, Manuel Esteban Domínguez, Óscar Reboiras Loureiro e Fernando Miranda Estévez, xunto coa gañadora da pasada edición, Rita Doallo.
Establécense dous premios:
- Primeiro premio: o xogo O Xogo do PICAPAU, unha noite para dúas persoas con almorzo buffet e acceso a piscinas minero medicinais no Balneario de Laias ou Lobios, e unha degustación gastronómica para dúas persoas en Casa Gazpara (O Carballiño).
- Segundo premio: unha camisola e un caderno de OZOCOgz e un lote de libros das editoriais Belagua e Galaxia.
O fallo do xurado, que será inapelábel, darase a coñecer o 17 de maio, Día das Letras Galegas. A organización poderá declarar deserto algún dos premios se considera que as obras non acadan a calidade requirida.
Cesión de dereitos
As persoas participantes autorizan a divulgación pública das súas obras por parte de OZOCOgz. Ademais, ceden en exclusiva durante dez anos os dereitos de reprodución, distribución, comunicación pública e transformación. En caso de querer explotar economicamente a obra, deberán solicitar autorización previa á entidade organizadora.
A participación implica a aceptación íntegra das bases.
