Noticias

Mulleres e igualdade, eixo do 8M en Ourense

O 8M en Ourense reforzou o compromiso coa igualdade real durante o acto institucional celebrado esta mañá no salón de plenos.

No acto, púxose en valor o papel das mulleres na xestión pública e no desenvolvemento social.

Mulleres e igualdade, eixo do 8M en Ourense

A concelleira de Igualdade, Noa Rouco, leu o manifesto da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), ante o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e representantes institucionais e dos corpos de seguridade.

Mulleres e igualdade, eixo do 8M en Ourense
Foto: Concello de Ourense

O texto institucional reivindicou unha sociedade con dereitos efectivos para mulleres e nenas, sen barreiras no acceso ás oportunidades.

Baixo o lema “As mulleres, xestoras do cambio”, destacouse o labor feminino na administración local, onde as mulleres superan o 42% das concellerías en Galicia. Pola contra, só alcanzan o 22% das alcaldías, unha diferenza que o manifesto considera incompatible cunha democracia paritaria.

Rouco salientou durante a lectura que a experiencia das mulleres é clave para afrontar retos municipais actuais, como a xestión de fondos europeos Next Generation EU ou a cohesión territorial de Galicia. O manifesto concluíu cunha mensaxe simbólica de empoderamento colectivo: “Cando unha muller avanza, ningún home retrocede. Cando unha muller avanza, todas dan un paso á fronte”.

O acto enmárcase na programación municipal do Día Internacional das Mulleres. Esta programación inclúe a Carreira da Muller, obradoiros formativos, actividades escolares e unha exposición colectiva de artistas ourensás, que se inaugurará o 17 de marzo na Sala Valente. O programa pecharase o 25 de marzo coa entrega do Premio Clara Campoamor, destinado a recoñecer a defensa da igualdade.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.