A Galiza de Robinson Crusoe, artigo de Xurxo Doval Blanco, Secretario Xeral de Xuventudes Socialistas de Galicia.
Robinson Crusoe é o náufrago co cal Defoe confioulle á sociedade un espello do vello colonialismo británico do tempo, mais tamén por defecto de carreira, un modelo básico e simple de optimización de recursos que a día de hoxe aínda se emprega para explicar, e incluso xustificar, según que política económica.
O esforzo persoal de loitar contra a soidade e a falta de medios para garantir un correcto desenvolvemento fronte unhas limitacións “naturais”, son dúas características que non distan moito da realidade da nazón de Breogán, que leva 13 anos illada dentro da súa propia orografía.
Costa imaxinarse un país onde, con 64,2% concellos nos que viven menos de 5000 habitantes (IGE 2018), non existan liñas directas de autobús que afrouxen a presión demográfica e de servizos. E ollo, non porque a poboación non queira, se non porque a moi honorable e liberal Xunta de Galicia de Feijóo deixounos aos pés dun monopolio (o 70% da oferta xestiónaa Monbus).
Liñas escolares inexistentes, universitarios abandonados as fins de semana, maiores que non poden ir ao seu centro de saúde, traballadores e estudantado sen conexións directas e frecuentes…forxan a realidade que durante os últimos 4 meses levamos escoitando nas comarcas galegas a raíz da nosa ILP para esixir unha mellor conexión interurbana.
2500 sinaturas que gravan cada unha delas a impotencia dunha Galiza privada do dereito ao libre movemento. Así dicíao unha veciña de Foz, que chegaba a comparar vivir na Mariña Lucense coma nun cárcere pois a posibilidade de moverse dentro e fóra da comarca era reducida.
A Galiza de Robinson Crusoe
E ista é a imaxe dunha terra onde o seu Goberno colonial, que non nacional, prefire apostar polo desembarco de turistas, antes de que Alexandre ou María poidan ir e volver todos os días en bus dende a súa casa na Baixa Limia ata o Campus universitario de Ourense (ou ata estación de tren da cidade para ir a calquera outra universidade do país) sen ter que afrontar un aluguer de 700 euros (outro tema que daría para máis dun artigo).
Podería ser un problema de cartos e competencias, dende logo, pero hai tempo que aquí o problema está carteira dos petos das incompetencias, porque mentres se premia unicamente a Monbus cunha bonificación do 90% exclusivamente no Eixo Atlántico e á súa directiva cunha rebaixa fiscal, o país adoece incomunicado nas súas comarcas sen sanidade, sen educación e agora, sen conexión.
Dende Xuventudes Socialistas con esta ILP pretendemos asentar as bases da Atlántida moderna e transformadora que reside no noso verde e azul corazón: compensación por atrasos, conexión diaria de ida e volta no rural; os descontos do carné xove (ante o negocio financeiro da Tarxeta Xente Nova) e forzar o cumprimento dos pregos (para que ningún concello da noite á mañá se desperte sen buses).
Apostamos por un modelo de país onde o transporte público sexa o piar fundamental para unir e non separar, onde o tren, por suposto, deberá xogar un papel fundamental ligando con cercanías as comarcas coa alta velocidade das 7 grandes cidades (e con Oporto). Pero namentres non exista aspiración, seguiremos “Rodando” na illa dos naufraxios a punto de se converter na illa de Alcatraz.