Eventos

O Bloque abolicionista reivindica a axenda feminista

O Bloque abolicionista reivindica o cumprimento da axenda feminista mediante unha mobilización que terá lugar este mércores, 8 de marzo.

A Praza de Santa Eufemia será o lugar que acolla ás 21h a concentración do Bloque Abolicionista este 8M. Serán un total de seis concentracións as que esta plataforma realizará nas principais cidades de Galicia para reclamar o cumprimento da axenda feminista.

O Bloque abolicionista reivindica a axenda feminista

Durante o acto terá lugar a lectura do Manifesto polo Día Internacional da Muller.

O Bloque abolicionista reivindica a axenda feminista

MANIFESTO DO BLOQUE ABOLICIONISTA POLO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER – 8 DE MARZO

Que é unha muller?

Na idade antiga as mulleres eran definidas como homes incompletos, é dicir, unha versión inferior destes.

Pasaron séculos de reivindicación feminista ata conseguir que a muller fora recoñecida polo que é e non polo que lle falta para ser outro. É dicir, a femia humana, coas súas características propias e diferentes. E son precisamente esas diferenzas as que determinan as expectativas sociais, as cargas, vulnerabilidades ou esixencias que a reciben no momento mesmo do nacemento.

Porque non agreden o noso sentimento, agreden o noso corpo, agreden as nosas diferenzas, esas que nos fan mulleres.

Segundo os datos do Laboratorio de Desigualdades Mundiais, un 1% da poboación mundial posúe o 63% da riqueza, mentres outro 50% só posúe o 2%.

Como é posible esa concentración da riqueza?

É sinxelo, grazas a explotación laboral e ao traballo non remunerado.
Quen podería estorbar aos intereses desa minoría extremadamente adiñeirada? Os movemento obreiro e o movemento feminista.

O movemento obreiro xa foi completamente desmobilizado grazas á enxeñería social que nos convenceu de que todos os obreiros con estudos eramos clase media, por tanto, privilexiados, e non obreiros sobrecualificados, como o que realmente somos.

O último escollo a eliminar é o movemento feminista, xa que, manter os nosos niveis de consumo con economías obreiras esixe que parte do traballo siga sen ser recoñecido, nin remunerado -o traballo que as mulleres fan nos fogares sen contraprestación económica-, unha situación de explotación contra a que loita o movemento feminista.

E, como pretenden facelo? Coa mesma estratexia que co movemento obreiro, convencéndonos de que as mulleres somos unhas privilexiadas. Novamente, facendo uso da enxeñería social e dunha estratexia de comunicación ben esponsorizada.

Así, vemos como o 51% da poboación é tratado como se dun colectivo se tratase -un colectivo privilexiado-, cuxas demandas están subordinadas ás de outros colectivos moito máis oprimidos e con obxectivos frontalmente opostos aos da axenda feminista, algúns deles, baseados na explotación do corpo das mulleres e das súas conquistas sociais.

O Bloque abolicionista reivindica a axenda feminista

Vexamos pois, algúns dos datos que acompañan a ese privilexio que se nos atribúe:

Catro millón de mulleres son compradas e vendidas anualmente para prostitución, escravitude ou matrimonio, mentres o noso Código Penal unicamente tipifica como delito o proxenetismo, non o consumo, mantendo así a impunidade dos responsables últimos da explotación sexual, os puteiros, que pagan 5 millóns de euros cada día no noso país por consumir os corpos das mulleres máis vulnerables. POR SER MULLER

O adoutrinamento na violencia sexual que ofrece a industria da pornografía, é o principal responsable do incremento do 34% de agresións sexuais perpetradas a mulleres menores por homes tamén menores. Porque son educados na violencia sexual e na subordinación da muller aos desexos masculinos a través de contidos dispoñibles nas redes sociais e accesibles a menores. POR SER MULLER

O Bloque abolicionista reivindica a axenda feminista

Aínda que na Instrución de 18 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado, recoñécese expresamente que «a xestación por substitución, constitúe un fenómeno no que se produce unha grave vulneración dos dereitos dos menores e das nais xestantes» e que «resulta ademais claro que a lucrativa actividade das axencias mediadoras que operan neste terreo non poden considerarse axustada a dereito», cada ano máis de 1.000 bebés mercados por este medio a través das máis de 20 axencias que operan con total impunidade en España, son inscritos no noso rexistro civil como fillos lexítimos deses compradores que, ademais, gozan dos dereitos sociais correspondentes ás nais e pais que actúan dentro da legalidade.

Este comercio susténtase na explotación reprodutiva de mulleres empobrecidas. POR SER MULLER

Segundo recolle o artigo 3 do Convenio de Estambul, “enténdese por xénero os papeis, comportamentos, actividades e atribucións socialmente construídos que unha sociedade concreta considera propios de mulleres ou de homes”.

Os papeis do home e a muller

Papeis e atribucións que reservan un rol dominante para os homes e subordinado para as mulleres, comportamentos e actividades que implican o exercicio da violencia e da desigualdade estrutural en prexuízo das mulleres.

E, mentres o feminismo loita pola superación deses roles, os novos protocolos educativos, como o que actualmente está vixente en Galicia, ensinan aos nenos que a elección de xoguetes ou actividades que prefiran é un indicio que debe observarse para valorar incoherencias entre o seu sexo e a súa expresión de xénero.

Esta visión estereotípica dos roles reforza a idea de que existen actividades ou produtos para homes ou para mulleres, substituíndo os principios do modelo coeducativo por outro modelo baseado na reivindicación do xénero como identidade e deixando ver os seus efectos na poboación máis nova, como por exemplo, en que o 20% dos mozos do noso país pensa que a violencia machista non existe, mentres aumentan case un 30% os casos dese tipo de violencia que sofren mozas menores de 18 anos. POR SER MULLER

Segundo datos da ONU, o 65% do traballo a nivel mundial é realizado por mulleres, polo que reciben só o 10% dos ingresos e posúen o 1% da propiedade. POR SER MULLER

Os niveis máis insoportables de precariedade laboral correspóndense cos sectores máis feminizados, como o sector dos coidados, no que máis do 95% das 800.000 persoas traballadoras no noso país son mulleres, das que o 30% nin sequera son contratadas legalmente polos seus empregadores. POR SER MULLER

A fenda salarial e os coidados non remunerados durante a súa vida produtiva tradúcense en vulnerabilidade e dependencia económica para as mulleres na vellez. POR SER MULLER

As esixencias

Esiximos, pois:

  • A aprobación dunha lei abolicionista que penalice a demanda da prostitución e ofreza axudas ás mulleres explotadas
  • A aprobación dunha disposición legal que penalice calquera oferta ou contratación de servizos baseados na explotación reprodutiva das mulleres e a derrogación da Instrución de 18 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral dos Rexistros e do Notariado
  • A penalización expresa da creación ou difusión de contidos que reproduzan violencia sexual, calquera que sexa o seu fin
  • A recuperación dos protocolos educativos baseados na coeducación e a desaparición de contidos que promoven a arcaica idea de roles diferenciados para mulleres ou para homes
  • A fin da fenda salarial e a mellora das condicións de traballo de coidadoras e limpadoras
  • Aplicación da agravante de violencia machista nos feminicidios sociais e sexuais fóra da parella
  • Auditorías sobre o uso dos fondos do Pacto de Estado Contra a Violencia Machista”

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.