Entrevistas

Entrevista con Marga Pérez Fernández

Unha entrevista con Marga Pérez Fernández permitiunos facer un percorrido pola súa traxectoria dos últimos anos nos que tivo varias responsabilidades políticas.

No ano 2015 produciuse un cambio histórico no concello de Barbadás coa chegada á alcaldía de Xosé Carlos Valcárcel Doval, do PSdeG-PSOE, tras 28 anos de goberno de Xosé Manuel Freire Couto.

Concelleira de Educación e Comercio en Barbadás

Foi nese primeiro grupo de goberno cando Marga Pérez asumiu as competencias de Educación e Comercio. A estas responsabilidades que asume desde aquel momento, sumáronse as de Cultura durante o mandato 2019-2023.

Na entrevista realizada a Marga Pérez podemos descubrir parte dese percorrido, os retos que afrontou e cales son os seus obxectivos de futuro.

Entrevista con Marga Pérez
Foto: Marga Pérez

Entrevista con Marga Pérez Fernández

Que marca o teu inicio no ámbito político e que recordas con máis agarimo desas primeiras etapas?

Sempre me gustou traballar en equipo para axudar a facer cousas polos demais , primeiro dende a ANPA e tamén dende a Asociación de veciños da que formei parte. Despois chegou a oportunidade de formar parte dunha lista electoral polo partido co que compartía máis afinidade e decidín dar o paso.

No ano 2015 logrades a alcaldía do concello de Barbadás. De todas as ideas e ilusións que tiñas naquel momento, cales se cumpriron e cales quedan por realizar?

O que recordo con maior agarimo é a enorme ilusión coa que todo o grupo comezamos no goberno. Comezas cun montón de proxectos pero desgraciadamente atópaste que non é nada fácil. O maior obstáculo está na burocracia administrativa; está moi ben que exista un control pero hai veces que chega a tal nivel que crea situacións totalmente absurdas.

Entrevista con Marga Pérez
Foto: Marga Pérez

Falemos das redes sociais. As críticas que se realizan ós responsables políticos traspasan demasiado certas liñas?

Estou moi a favor das redes sociais, o problema está nalgunhas persoas que só as utilizan para insultar e desprezar. Eu acepto as críticas (só faltaba) pero sempre que sexan dende o respecto e a educación.

Educación, Cultura e Comercio

A Valenzá segue a contar cunha importante rede de establecementos comerciais cos que colaborades desde o concello mediante distintas propostas de promoción. En que máis pode contribuír o concello para favorecer ó sector comercial?

As propostas que se fan dende o Concello cara o comercio sempre van dirixidas a dar visibilidade e favorecer o uso do comercio local e para iso, ó longo do ano temos diferentes actividades. A través de reunións periódicas coa Asociación, intentamos dentro das nosas posibilidades, atender as súas demandas e facer posible as propostas que nos achegan (formación, novas campañas, temas urbanísticos…)

Tras 4 anos á fronte da área de Cultura, deixas esa responsabilidade tralas municipais do mes de maio de 2023. De todo o traballo realizado nese eido, de cal te sentes máis satisfeita?

É unha etapa da que estou moi satisfeita. Si teño que destacar algo diría todas as actividades de dinamización da Biblioteca Municipal coa que acadamos por dous anos consecutivos o Premio María Moliner.

Centrada agora nas responsabilidades de Educación e Comercio, cales son as novas propostas que che gustaría realizar durante este mandato 2023-27?

En Educación (escola de música, escola infantil e colexios), para este mandato, lograr que os dous colexios estean nas mellores condicións e ofrecer ás familias horarios de atención suficientes para lograr a conciliación laboral ademais de facer propostas educativas e lúdicas fora do horario escolar.

Etapa como deputada provincial

Foto: Marga Pérez

No anterior mandato tiveches responsabilidades como deputada provincial. Agardabas unha situación como a vivida tralas eleccións municipais e o cambio que se viviu á fronte da Deputación de Ourense?

O cambio estaba no ánimo de todos os deputados e deputadas. As situacións que se estaban vivindo nos últimos anos dentro da Deputación e a actitude do Presidente Baltar conducían a ese cambio. Foi un traballo de moitos meses dun gran equipo con denuncias en cada pleno para acabar coa inxustiza que sufría está provincia. Síntome moi orgullosa de formar parte dese equipo e dese 1Millon de pasos que fixemos a Madrid para denuncialo.

Que obxectivos ten Marga Pérez a nivel político?

Rematar este mandato coa ilusión e as gañas do primeiro día. O futuro? Quizais sexa o momento de dar relevo.

Botón volver arriba