Este domingo produciranse varios cortes de tráfico na cidade de Ourense pola celebración da carreira popular do San Martiño 2024.
Estes cortes, necesarios para garantir a seguridade dos participantes, afectarán a numerosas rúas da cidade.
Cortes de tráfico pola San Martiño 2024
A partir das cinco da mañá, a Policía Local de Ourense interromperá o tráfico viario nas rúas Pardo de Cela, Ponte Milenio, a glorieta de Nexus e os seus accesos. Ás dez da mañá, todas as rúas que forman parte do circuíto serán pechadas ó tráfico.
Esta carreira, unha das máis relevantes en Galicia, terá lugar este domingo, 10 de novembro, e contará cunha alta participación.
A carreira absoluta comezará ás 11h para completar un percorrido de dez quilómetros percorrendo a maior parte da cidade. O resto de probas, de menor distancia, comezarán posteriormente sendo a última ás 13:15h.
Na edición de 2024, o percorrido da San Martiño presenta novidades ó non poder pasar pola rúa Avenida das Caldas que está en obras. Ante estes numerosos cortes de circulación, a Policía Local recomenda vías alternativas.