Os praceiros e praceiras da Praza de Abastos nº1 de Ourense lanzan un comunicado urxente para advertir da crítica situación que atravesan.
Tras unha nova declaración pública do alcalde Gonzalo Pérez Jácome, na que ameaza con desaloxar as instalacións provisionais da Alameda e obrigar ao regreso a un edificio que consideran inacabado e inadecuado para o exercicio da súa actividade, os profesionais do mercado tradicional ourensán alzan a voz.
Praceiros da Praza de Ourense denuncian posible desaloxo
No seu comunicado, denuncian graves deficiencias no inmoble reformado, alertan das consecuencias sociais e económicas dunha decisión unilateral e reclaman un acordo que priorice o ben común e a identidade histórica de Ourense.

A continuación, reproducimos de forma íntegra o seu comunicado oficial:
COMUNICADO OFICIAL DOS PRACEIROS E PRACEIRAS DA PRAZA DE ABASTOS Nº 1 DE OURENSE
Tras coñecer o contido da publicación de Pérez Jácome, na que se nos ameaza con sermos desaloxados das nosas instalacións na Alameda e se nos forza a regresar ao edificio sen rematar da Praza, queremos compartir coas ourensás e ourensáns a nosa profunda preocupación ante unha situación que nos levará a unha longa batalla xudicial na que, ademais da Praza, volverá perder Ourense.
Primeiro
En primeiro lugar, queremos agradecer de corazón os milleiros de apoios que estamos a recibir estes días, tanto da sociedade civil, como do sector privado e tamén do público.
Segundo
En segundo lugar, temos que dicir que algo xa nos imaxinabamos. Vimos a Jácome a mesma mañá do venres na Alameda, agochado detrás do mobiliario urbano para, despois, saír correndo do seu escondite e sacar fotos ao edificio provisional.
Gonzalo, non é certo que desde a Alameda vendamos máis, pero si que podemos velo todo. Sabes que esta tamén é a túa casa, e aquí sempre podes entrar.
Terceiro
En terceiro lugar, cómpre lamentar que o edificio ao que se nos quere trasladar continúa sen electrificación, sen saída de fumes, sen enchufes, sen desaugadoiros, sen zona de carga e descarga, sen accesibilidade, sen montacargas e, en definitiva, con numerosas carencias que fan inviable o desenvolvemento da nosa actividade. Os anos de obras tampouco serviron para rehabilitar o Rianxo, que foi eliminado do plan coma se nunca existise. Si houbo, en troques, tempo para destruír os lavadoiros públicos orixinais situados na planta baixa, aos que milleiros de ourensás acudiron durante décadas para lavar a roupa coa auga das Burgas. Unha perda irrecuperable do noso patrimonio e unha ferida na nosa memoria colectiva.
Cuarto
En cuarto lugar, queremos insistir, unha vez máis, en que non estamos na Alameda por gusto. Queremos volver á nosa casa. Somos de aquí e queremos, coma todos/as, gozar da Alameda. Só pedimos que se remate a obra para poder regresar canto antes. Tamén queremos deixar claro que pagamos puntualmente as nosas cotas ao Concello, coma calquera outro comerciante. Estes absurdos rumores responden a un interese difamatorio inédito por parte de servidores públicos.
Quinto
En quinto lugar, queremos aclarar que, despois de que o equipo de goberno municipal perdese a subvención para reformar a Praza, fomos nós quen acudimos á Xunta para solicitar un investimento que permitise rematar a obra. Tamén conseguimos financiamento privado para axudar ao noso Concello. Parece, non obstante, que ao goberno municipal non lle interesou nin o máis mínimo, xa que todo foi rexeitado. Investimentos que son para Ourense, non para os praceiros e praceiras.
Non somos quen de entender que quen repite constantemente que «Ourense é a Cincenta de Galicia», rexeite as poucas inversións que se fan na súa cidade.
Sexto
En sexto lugar, asombra comprobar que, en pleno século XXI, se acometese unha obra que, probablemente, non superará nin unha inspección sanitaria nin de habitabilidade. Cando se proxectou a Praza, no século XX, tiña un obxectivo claro: paliar unha situación insostible dende o punto de vista sanitario. Foi un soño para unha pequena cidade como a nosa: construír un espazo emblemático para un oficio ancestral.
A rehabilitación trouxo un novo soño. Así o víamos nós: unha Praza renovada, atractiva para a cidadanía e para o turismo, que dinamizase o comercio. Pero o soño converteuse nun pesadelo sen fin. Se a ameaza se fai efectiva, faremos valer os nosos dereitos.
O traslado á Alameda non foi gratuíto. Queremos que a cidadanía sexa consciente de que moitos e moitas tivemos que asumir créditos para solventar as elevadas deficiencias das instalacións provisionais. Créditos que aínda estamos a pagar. Esta cuestión non é menor, pois preténdese meternos, de novo, nun edificio sen rematar, asumindo os custos dunha obra dun inmoble que non nos pertence.
O camiño xudicial será longo e non durará 11 meses
En sétimo lugar, queremos indicar que quen afirme que en 11 meses se desaloxará a Alameda, minte. Pero máis duro ca o camiño xudicial será asumir que del só sairán perdedores, e quen máis perderá será a nosa cidade. Porque quen nos forza a esta vía non pagará os custos do seu peto. Farao co diñeiro de todos/as.
O peor acordo é a falta de acordo
Na situación do acordo, debuxamos un futuro cunha Praza moderna, accesible e co máximo respecto ao valor patrimonial do seu inmoble e do entorno. Neste futuro, Ourense sae gañando. Recuperaremos a Alameda máis axiña, dinamizaremos o comercio, aproveitaremos o potencial da zona monumental e do turismo que nos trouxo o AVE. En definitiva, traballaremos para acadar a cidade que soñaron os nosos maiores e merecen os nosos fillos.
O desacordo afectará a máis de 250 familias
O desacordo ten un percorrido moito máis longo. Porá os nosos negocios ao límite da estabilidade económica e máis de 250 familias veranse afectadas. Ourense perderá aos últimos praceiros da cidade e a Praza acabará sendo algo ao gusto de Jácome. Quizais un supermercado, unha discoteca, un hotel… ou quizais siga o camiño de outros símbolos da cidade, como a Cárcere Vella, o Museo Municipal ou o Museo Arqueolóxico.
Tamén continuaríamos agravando a perda de negocios locais, cunha redución evidente da economía. Todo isto nunha cidade onde a perda de poboación é xa un problema estrutural. Porque… ¿cantos ourensáns e ourensás traballan fóra? ¿Canto talento se marchou? ¿Canto máis está por marchar?
No mellor dos casos, chegaremos afogados economicamente ao final da batalla xudicial e lograremos indemnizacións. Ourense será quen pague o desacordo. No outro caso, se o Concello gañase, 250 familias veríanse en serios problemas económicos, moi probablemente abocadas ao peche.
Seguro que moitos lembrades o que supuxo o peche da fábrica de Citroën en Ourense no 1989. Máis de 300 familias tiveron que marchar. ¿Imos facernos isto? ¿Por que? ¿Por un capricho persoal?
O acordo é a mellor solución para todos/as
Por último, queremos convidar á nosa cidade a reflexionar sobre que camiño escoller. Nós témolo claro.
A situación pode mellorar desde hoxe ou empeorar desde mañá.
A nosa man está tendida ao acordo, ao diálogo, á solución.
Ao que constrúe, non ao que destrúe.
As nosas portas están abertas á negociación.
Grazas, Ourense.