O Club Ourense Baloncesto (COB) vén de presentar a súa campaña de abonados para a tempada 2025/2026 cunha proposta que pon o foco na fidelización da súa afección e na captación de novos socios.
Descontos, prezos accesibles e unha nova “Grada de Animación” centran unha proposta que busca medrar a masa social do club.
O COB lanza a súa campaña de abonados 2025/2026
A entidade, que compite nunha Primeira Federación cada vez máis esixente, quere consolidar un proxecto sólido, ambicioso e cun Paco Paz cheo de emocións.

Prezos accesibles e facilidades de pagamento
O COB manterá uns prezos semellantes aos da pasada campaña, cunha lixeira suba destinada a garantir o crecemento deportivo e estrutural do club. Ademais, introdúcese a posibilidade de fraccionar o pago do carné en dúas partes: unha agora e outra en setembro.
Os abonados da tempada anterior que renoven entre o 24 de xuño e o 24 de xullo beneficiaranse dun 10% de desconto. Os asentos manteranse reservados para eles ata esa mesma data; despois, quedarán liberados.
Descontos especiais para colectivos
A nova campaña inclúe incentivos especiais:
- 25% de desconto para socios que capten novos abonados da mesma categoría ou superior.
- 30% para persoas desempregadas.
- 20% para familias numerosas (desde o segundo membro).
- 20% para deportistas e adestradores federados.
- 20% para nais e pais da canteira.
- 25% de desconto para renovacións xuvenís, infantís e preinfantís en grada pista central.
(Estes descontos non se aplicarán na grada de pista, salvo os familiares e os citados para categorías base.)
Nova “Grada de Animación” no fondo
Unha das grandes novidades desta tempada será a creación dunha Grada de Animación detrás dunha das canastras. As dúas peñas do club, xunto con colexios, asociacións, clubes e mesmo estudantes do campus universitario de Ourense, serán protagonistas desta zona. Cada integrante recibirá unha camiseta de agasallo, e o club prestará apoio constante para facer deste espazo o corazón do ambiente no Paco Paz.
Modalidades de abono e prezos
O abono inclúe o acceso a todos os partidos da fase regular no Paco Paz. Hai opcións para todos os públicos:
Prezos por zona:
Categoría | Pista Central | Grada Central / Esquinas | Fondos |
---|---|---|---|
Senior | 200 € | 170 € | 145 € |
Mozo/a (15–25) | 200 € | 85 € | 75 € |
Infantil (5–14) | 200 € | 45 € | 40 € |
Preinfantil | 200 € | 20 € | 20 € |
Peñas (Fondo Animación):
Categoría | Prezo |
---|---|
Senior | 100 € |
Mozo/a (15–25) | 60 € |
Infantil (5–14) | 30 € |
Preinfantil | 20 € |
Unha tempada para vivir con orgullo cobista
O COB fai un chamamento á cidade e á provincia para encher o Paco Paz cunha afección entregada e comprometida. Con esta campaña, o club reafirma o seu compromiso de seguir medrando, sempre da man dos seus socios e socias.