O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, enxalzou este venres “o labor pedagóxico, silencioso, constante e de responsabilidade” do persoal do Centro Penitenciario do Pereiro de Aguiar durante o acto institucional polo Día da Patroa de Institucións Penitenciarias, Nosa Señora da Merced.
Santos, que presidiu o acto xunto co director do centro, Francisco González, salientou que o 80% dos internos non reinciden, “o que fala ben da excelencia do Pereiro de Aguiar”.
Santos destaca a labor de reinserción no cárcere do Pereiro de Aguiar
Subliñou tamén que o Goberno de España destina máis de 6 millóns de euros ás obras de reforma que se desenvolven no edificio para reforzar a estrutura e mellorar a eficiencia enerxética.

O subdelegado erixiu o sistema penitenciario español como “referencia internacional, non só polo nivel de seguridade e organización, senón polo compromiso coa reinserción social”. Reivindicou que a prisión debe ser “unha etapa que abra a porta á rehabilitación e nunca un fin en si mesmo” e chamou a non conformarse, mellorando no camiño da reinserción e da igualdade plena entre homes e mulleres. Neste sentido, felicitou ao centro pola creación dun punto violeta para a prevención da violencia machista, atendido por persoal especializado.
No peche da súa intervención, Santos agradeceu a implicación do director, Francisco González, así como o esforzo dos internos recoñecidos e do persoal homenaxeado.
Condecoracións e recoñecementos
O acto incluíu a entrega de 5 diplomas a internos, 4 mencións honoríficas por 25 anos de servizo a funcionarios, 4 recoñecementos especiais (CONCAES, departamento de Traballo Social do CHUOU, Pastoral Penitenciaria e EPYCO), 3 medallas de bronce ao mérito social penitenciario —para Gonzalo Iglesias e Alejandro Benavides, da área social do COB, e para a letrada Ana Cajoto—, así como 2 medallas de prata a título póstumo para os funcionarios Faustino Fontenla e Tomás García.