A Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense presentou os resultados do seu exercicio 2024, consolidando un ano de crecemento sostido nos eidos da atención psicolóxica, apoio social, captación de fondos e investimento en investigación oncolóxica.
Medra a atención psicolóxica, social e o financiamento da investigación en 2024.
Aumenta o apoio da AECC en Ourense a pacientes oncolóxicos
O servizo de atención psicolóxica rexistrou un notable aumento, atendendo a 316 persoas fronte ás 228 do ano anterior. As sesións realizadas tamén medraron de maneira destacada, pasando de 1.327 en 2023 a 1.724 en 2024. No eido da atención social, a entidade atendeu a 491 beneficiarios —case 80 máis ca o ano pasado— e realizou máis de 1.000 sesións individuais. Tamén realizou múltiples xestións de apoio, incluíndo préstamos de material ortoprotésico e perrucas.
As axudas económicas directas chegaron a 33 familias, beneficiando a 78 persoas, cun total de 31.720 euros destinados. O Servizo de Axuda no Fogar tamén se viu reforzado, cun investimento que ascendeu a 21.844,63 euros.
A sede provincial impulsou numerosas actividades e obradoiros dirixidos a pacientes e familiares, con especial atención a áreas como nutrición oncolóxica, mobilidade, relaxación e saúde bucodental, co obxectivo de mellorar a calidade de vida durante o proceso da enfermidade.
Balance económico da AECC en Ourense
No plano económico, a entidade logrou incrementar o número de socios de 5.127 a 5.597, cunha cota media anual que subiu ata os 126,97 euros. Tamén medrou a base de voluntariado, con 246 persoas activas nos distintos programas, fronte ás 200 de 2023.

Un dos fitos máis relevantes foi o reforzo do compromiso coa investigación contra o cancro, destinando 109.490 euros a proxectos científicos. A Asociación en Ourense pechou o ano cun balance económico positivo: 939.785 euros en ingresos fronte a 923.135 en gastos, o que garante unha boa base para os plans de 2025.
«Estes resultados reflicten a crecente confianza da sociedade ourensá no noso traballo e o esforzo dun equipo comprometido en mellorar a vida das persoas afectadas polo cancro«, destacou Germán Rodríguez-Saá, presidente provincial da AECC.
De cara a 2025, a Asociación reforzará os seus programas de apoio integral, ampliará os servizos e manterá o seu compromiso cun futuro sen cancro.