A concelleira do PSdeG-PSOE, Alba Iglesias García, quere un mellor Ourense para vivir onde a mocidade teña un papel relevante.
A través desta entrevista puidemos coñecer as motivacións que levaron a esta moza a involucrarse na vida política de Ourense. Na actualidade, Alba Iglesias é concelleira en Ourense e secretaria Xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense.
Alba Iglesias quere un mellor Ourense para vivir
Os problemas de acceso á vivenda ou as necesidades no ámbito social son algunhas das inquedanzas que Alba Iglesias nos mostra durante a conversa.
Tamén podemos ler na entrevista a visión que a Secretaria Xeral das Xuventudes Socialistas de Ourense ten sobre o papel da mocidade e o seu papel na xestión pública. Non faltaron as alusións ó actual goberno municipal nin á errada moción de censura que os grupos da oposición tentaron nas últimas semanas.
As aspiracións de Alba Iglesias pasan por contribuír na construción dunha cidade máis amigable, saudable e funcional que facilite a permanencia da mocidade.
Entrevista coa concelleira Alba Iglesias
En que momento decides entrar en política activa?
Durante a miña carreira de Dereito na Universidade da Coruña, comecei a desenvolver unha crecente curiosidade pola política. O estudo do dereito permitiume comprender mellor as estruturas e mecanismos que rexen a nosa sociedade, espertando en min un forte interese por participar activamente na súa mellora.
Ao terminar os meus estudos e regresar a Ourense, sentín a necesidade de mobilizarme politicamente. A través de redes sociais, descubrín ás Xuventudes Socialistas de Ourense e decidín poñerme en contacto con eles. Este foi o punto de partida da miña traxectoria na política activa. Tras un tempo de involucrarme e traballar co grupo, tiven a oportunidade de liderar ás Xuventudes Socialistas de Ourense. Foi unha honra e unha gran responsabilidade, e desde entón, o meu compromiso coa política non fixo máis que crecer.
Concelleira en Ourense sen chegar ós 30 anos, falta xente moza en algunhas institucións?
Definitivamente, fai falta xente nova nas institucións, non só en algunhas, senón en todas! Entrar en política con menos de 30 anos non é fácil e supón un compromiso considerable, xa que a miúdo significa pausar a túa vida laboral ou académica. Neste sentido, é unha vida moi inestable e que require un compromiso sentimental e ideolóxico significativo.
É crucial promover a renovación política e baixar a media de idade nas institucións. Os mozos e mozas achegamos novas ideas, enerxía e unha perspectiva fresca sobre os problemas actuais. Con todo, sempre debe haber un equilibrio. A experiencia de quen leva máis tempo na política é invaluable e necesaria. A combinación de mocidade e experiencia pode levar a unha xestión máis dinámica e efectiva. Así que, si, é moi necesario que haxa máis novos na política, pero sempre cun balance adecuado para aproveitar o mellor de ambas as xeracións.
Dirixes as Xuventudes Socialistas de Ourense. A xente moza está afastada da vida política? Pensas que loitan suficiente polas súas necesidades?
A idea de que os mozos e mozas están afastados da política é unha crenza falsa e infundada. Aínda que pode existir certa desafección entre a poboación máis nova, non é tan significativa como se pinta. Esta desafección está máis relacionada coa falta de proxectos e propostas políticas dirixidas especificamente a xente nova.
Por iso, quen mellor que nós mesmos para crear políticas desde a nosa propia perspectiva?
Existen estudos que indican que o 85% dos mozos e mozas falan de política cando se reúnen con amigos ou familiares, o que demostra un claro interese. Ademais, podemos observar un aumento significativo no número de candidatos novos no último ano electoral, o cal evidencia unha maior implicación da mocidade na política.
É certo que unha porcentaxe considerable non sente afinidade ao sistema político español, e isto inflúe en que sexan a franxa poboacional que menos vota. Aquí é onde debemos enfocarnos: en promover a súa participación e voto. É máis unha cuestión de falta de compromiso político que de desinterese. Por tanto,
necesitamos traballar en crear unha contorna política que responda as inquietudes e aspiracións dos mozos e mozas, incentivando así a súa participación activa no proceso democrático.
Por outra banda, non creo que a xente nova non loite o suficiente polos seus dereitos. De feito, basta con observar o movemento feminista, que foi o movemento social máis potente da última década, e está integrado por un número elevadísimo de mozas. O mesmo ocorre cos movementos polo cambio climático, que cobraron unha forza impresionante grazas á implicación da mocidade. O movemento pola vivenda tamén é un claro exemplo.
Nos temas que nos importan e que nos afectan directamente, os mozos están moi activos e comprometidos. Xa sexa marchando nas rúas, organizando campañas en redes sociais ou participando en iniciativas comunitarias, a mocidade demostra constantemente a súa vontade de loitar polos seus dereitos. A percepción
de que non se involucran o suficiente é simplemente errónea; estamos máis comprometidos que nunca nas causas que consideramos esenciais para o noso futuro.
O mandato 23-27 no concello de Ourense é…
…un cadro, un circo, un esperpento.
Como crees que Ourense podería mellorar a curto e medio prazo?
Para mellorar a situación a curto e medio prazo, podería dicir que a salvación desta cidade pasa por unha moción de censura e por botar ao alcalde da cadeira. Pero, falando realmente en serio, hai áreas crave onde podemos e debemos actuar.
En primeiro lugar, debemos centrar a nosa atención en temas cruciais e estudar os motivos da sanguenta perda de poboación, a xente non quere vivir en Ourense. Por exemplo, no ámbito da vivenda, necesitamos desenvolver políticas que fagan máis accesible e alcanzable o alugueiro para a mocidade e os non tan novos. Temos o corazón da nosa cidade, como é o Casco Histórico caendo a cachos. Tamén é urxente crear máis espazos verdes e áreas recreativas que fomenten unha vida saudable e social.
Un tema moi importante e recente é a demanda dos mozos e mozas para a reapertura do espazo Lusquiños. É esencial escoitar estas peticións e traballar para reactivar estes espazos que foron fundamentais para a comunidade xuvenil. Ademais, o Concello está a atravesar unha crise en relación cos servizos sociais. Se seguimos así, pronto haberá persoas con necesidades que terán que conformarse con comer Combo Dominicano e durmir debaixo dos palcos das orquestras…
Debemos urxentemente reforzar os servizos sociais para garantir que todos os cidadáns reciban o apoio necesario, ao final é o Concello a administración máis próxima aos veciños e veciñas. En resumo, é crucial tomar medidas concretas e centradas nos problemas reais que enfronta a nosa comunidade. Só así poderemos avanzar cara a unha cidade máis xusta e funcional para todos.
Recentemente tiveron lugar dúas reunións para acordar unha posible moción de censura. Que falta para que se logre un acordo?
O Partido Socialista fixo e segue facendo todo o posible para alcanzar un acordo sobre unha moción de censura. Estudamos e exploramos todas as opcións viables para logralo. Con todo, o que realmente falta é que o resto dos grupos políticos actúen con responsabilidade e sinceridade.
Parece que PP e BNG enfróntanse máis entre si que contra o actual alcalde, o cal está a bloquear o avance cara a un acordo. A falta de colaboración está a impedir que podamos tomar as medidas necesarias para cambiar a situación. O resto da oposición debería centrarse no obxectivo común de mellorar a cidade.
Doutra banda o Partido Popular sente claramente máis comodidade facilitando que goberne Jácome a que gobernemos os partidos de esquerdas, á cidadanía será a quen terá que renderlle contas.
Nos últimos anos fálase con frecuencia da desafección da cidadanía coa clase política. Que está sucedendo para que exista esa sensación?
Non creo que a xente estea cada vez máis desafecta pola política en xeral. A política é un traballo fundamental e moi nobre que impacta directamente nas nosas vidas e na de todos os cidadáns. Con todo, é certo que o clima de crispación continua pode afectar a percepción que se ten da política.
Tamén inflúe a imaxe negativa que ás veces se ten dos políticos, cando en realidade non todos somos iguais e non todos estamos aquí para enriquecernos. A idea de que todos os políticos son corruptos ou que están motivados unicamente por intereses persoais é un conto para non durmir. A realidade é que moitos de nós
traballamos con dedicación e sinceridade para mellorar as condicións de vida das nosas comunidades.
O que necesitamos é abordar e resolver estes problemas de percepción, demostrando con accións concretas o noso compromiso e eficacia. A política pode ser unha forza positiva para o cambio e a mellora, e é crucial que traballemos para restaurar a confianza nela.
Cales son os obxectivos de Alba Iglesias no ámbito da política?
Os meus obxectivos no ámbito da política están moi claros. En primeiro lugar, quero abordar de maneira urxente o problema da vivenda. É fundamental garantir que todos os cidadáns teñan acceso a vivendas alcanzables e de calidade.
Outro obxectivo clave é deseñar unha cidade máis verde, medioambientalmente sostible e pensada para os peóns. Creo que é crucial transformar Ourense nunha cidade que non só sexa funcional, senón tamén agradable e saudable para vivir. Isto inclúe mellorar o deseño urbano para que sexa máis accesible e esteticamente atractivo.
Ademais, é imperativo operar de maneira urxente na sangría poboacional da nosa cidade. Queremos facer de Ourense un lugar tan atractivo que a xente queira quedar a vivir aquí. Isto implica traballar en todas as frontes: desde a creación de emprego ata o fortalecemento da oferta cultural e a variedade de actividades
dispoñibles.
En resumo, o meu obxectivo é transformar Ourense nunha cidade vibrante e dinámica onde a calidade de vida sexa alta, e onde tanto os residentes como os visitantes poidan gozar dunha contorna urbana enriquecedora e sostible.