A plataforma Macroplanta Biogás na Limia NON completou este xoves a presentación de máis de 3.400 alegacións contra o proxecto de instalación dunha industria de produción de combustíbel a partir de residuos en Xunqueira de Ambía, promovida por ENCE.
Esta cifra triplica o número de escritos rexistrados no pasado mes de novembro nas comarcas da Limia, Allariz-Maceda e Terras de Celanova, cando a Xunta cancelou a primeira tramitación ao detectar erros na documentación presentada pola promotora.
A plataforma suma 3.400 alegacións contra a planta de ENCE na Limia
A plataforma destaca que o incremento evidencia unha crecente mobilización social fronte ao proxecto.

Durante cinco semanas desenvolveuse unha intensa campaña informativa, con mesas en feiras e mercados, charlas divulgativas e difusión en redes sociais dos principais impactos da instalación. Ademais, habilitáronse 31 puntos de recollida de alegacións en concellos como Xunqueira de Ambía, Sandiás, Allariz, Xinzo de Limia, Maceda, Vilar de Santos, Vilar de Barrio, Celanova e Ourense.
A plataforma subliña que esta resposta cidadá amosa a inquietude das veciñas e veciños ante unha macroindustria destas dimensións e reclama ás administracións competentes a paralización do proxecto, mediante a denegación dos permisos solicitados por ENCE.
Entre os impactos advertidos figuran os riscos de vertidos de dixestato, cuxa xestión non queda aclarada no proxecto, así como a afección ambiental derivada da localización da planta —xunto cunha instalación fotovoltaica e infraestruturas eléctricas— no límite coa Zona ZEPA da Limia. Tamén se alertan ameazas para a saúde humana polas emisións de cheiros, que poderían percibirse a máis de cinco quilómetros, segundo experiencias doutras plantas xa operativas.
A plataforma denuncia ademais o carácter lucrativo da iniciativa, ao escoller un emprazamento estratéxico pola proximidade ao gasoduto, por riba das afeccións ambientais e da saúde das persoas nunha zona con elevada densidade de núcleos de poboación.

Oposición ó proxecto
A oposición ao proxecto abrangue colectivos moi diversos, desde veciñanza da contorna inmediata até persoas doutros puntos de Galicia, ecoloxistas, labregas e gandeiras, centros sociais e representantes municipais. Neste contexto, os gobernos locais de Allariz, Sandiás e Xunqueira de Ambía presentaron alegacións propias, mentres que o BNG de Xunqueira solicitou a convocatoria urxente dun pleno extraordinario para abordar esta cuestión.
Unha vez pechado o período de participación pública, o procedemento entra agora nunha fase de avaliación técnica dos documentos presentados, incluídas as alegacións, un proceso que a plataforma cualifica de opaco. Nesta etapa, os distintos departamentos da Xunta deberán determinar a viabilidade do proxecto e a concesión ou non dos permisos.
A plataforma anuncia que prepara novas accións de presión institucional ante as administracións implicadas, desde os concellos até a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, á que atribúen un papel clave pola posible incidencia do proxecto sobre as augas da Limia, xa fortemente castigadas.