O alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, presentou este venres no rexistro do Concello un escrito formal de renuncia ao cargo, poñendo así fin a 26 anos de dedicación á fronte da alcaldía.
A súa dimisión farase efectiva no pleno ordinario previsto para o 18 de agosto, mentres que a sesión de investidura do novo rexedor terá lugar a comezos de setembro.
Alfredo García deixa a alcaldía do Barco tras 26 anos de servizo
Será Aurentino Alonso, actual primeiro tenente de alcalde, quen sexa proposto polo grupo maioritario para asumir o relevo.

Alfredo García deixa o cargo satisfeito polo traballo desenvolvido durante máis de dúas décadas, “aínda que sempre quedan cousas por facer”. Subliñou que o municipio experimentou unha profunda transformación durante os seus mandatos, destacando que “O Barco ten servizos moi superiores aos da maior parte de concellos do mesmo tamaño”. Tamén puxo en valor o nivel cultural, deportivo, social e económico acadado pola localidade.
No seu discurso de despedida, o alcalde agradeceu o apoio dos veciños, “que elección tras elección confiaron na miña persoa”, así como o compromiso dos concelleiros que o acompañaron e do persoal municipal. Tivo tamén palabras para a súa familia, “que foi quen máis sufriu a miña dedicación absoluta, as 24 horas do día, a este labor”.
García manterase como concelleiro ata a elección do novo alcalde, despois da cal tamén renunciará á acta. Aínda así, manifestou que seguirá sendo “cidadán do Barco” e ofreceuse a colaborar “con todo aquel que precise da miña axuda”.