A Asociación de Persoas con Discapacidade da Comarca da Limia (ALGARIA) denuncia o abandono do servizo de transporte adaptado 065 na provincia de Ourense.
Esta situación, segundo alerta a entidade, vense repetindo dende setembro e outubro e está a deixar sen alternativa a persoas con mobilidade reducida.
ALGARIA denuncia o abandono do transporte adaptado 065 en Ourense
Segundo explica o presidente de ALGARIA, Óscar Pena García, “cando as persoas usuarias solicitan o servizo ocasional estalles sendo denegado de maneira recorrente, alegando a falta de medios suficientes para cubrir a demanda existente”. A asociación advirte de que estas negativas están a converterse nunha práctica habitual.

Ata o de agora, ALGARIA recibiu ducias de queixas de persoas usuarias do transporte sanitario 065, que empregan este servizo de maneira habitual para acudir a citas médicas. Cando a solicitude é rexeitada, as persoas afectadas vense obrigadas a pagar un taxi ou depender dun familiar, xa que non existen alternativas de transporte público adaptado, unha carencia especialmente grave no medio rural.
As incidencias non se limitan a unha zona concreta. Segundo indica a asociación, os problemas están a rexistrarse en O Barco de Valdeorras, Ribadavia, A Limia e tamén na cidade de Ourense, o que confirma que “non se trata dun problema puntual, senón dunha situación xeneralizada”, sinalan dende ALGARIA.
O procedemento oficial establece que a solicitude do servizo debe realizarse cunha semana de antelación e que, tres días antes do desprazamento, o 065 debe contactar coa persoa usuaria para confirmar a concesión. Porén, a asociación denuncia que este paso previo está a derivar en negativas sistemáticas, incluso cando se cumpren todos os requisitos.
Dende ALGARIA reclaman unha solución inmediata por parte das administracións competentes, ao considerar que o transporte adaptado 065 é imprescindible para garantir o acceso á atención sanitaria e a igualdade de dereitos das persoas con discapacidade que non dispoñen doutro medio de desprazamento na provincia de Ourense.

