O Hotel Balneario Oca Allariz acollerá a segunda edición da Pasarela Solidaria de Allariz, un evento que mestura moda, creatividade e compromiso social co fin de recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) en Ourense.
A Pasarela Solidaria celebrarase o 9 de maio en apoio á AECC de Ourense.
Moda e solidariedade únense en Allariz contra o cancro
A iniciativa, aberta ao público, busca dar visibilidade á loita contra o cancro e dinamizar o comercio local. Durante o desfile, modelos voluntarios lucirán as coleccións de diferentes establecementos da vila, coa colaboración de estilistas, artesáns e outros profesionais. Todo o recadado, incluídas as rifas solidarias que xa están dispoñibles en varios puntos da vila, destinarase integramente á investigación, prevención e apoio ás persoas afectadas pola enfermidade.
A presentación oficial contou coa participación de representantes institucionais como Germán Rodríguez-Saá, presidente da AECC en Ourense; a alcaldesa María Cristina Cid; Teresa Quintana, organizadora do evento; Maike Pazos, director do Hotel OCA Vila de Allariz; e as colaboradoras Anabel Ortiz e Helena Aranburu.
Como novidade nesta edición, a organización anunciou a presenza do artesán Álvaro Leiro. O premio nacional de artesanía 2023, súmase á cita para reivindicar o valor do traballo creativo local como parte da mensaxe solidaria.

Desde a asociación, o seu presidente expresou un agradecemento especial:
“Queremos expresar o noso máis sincero agradecemento á organización da Pasarela Solidaria de Allariz e ao Concello. Iniciativas como esta, que unen talento, esforzo e corazón, son fundamentais para seguir avanzando. Grazas por transformar a moda en esperanza e por facer comunidade arredor desta causa que é de todos.”
A organización anima a toda a veciñanza a participar nesta xornada de moda e solidariedade que transforma a creatividade en apoio colectivo contra o cancro.