O Concello de Barbadás iniciou esta semana a primeira fase das obras de ampliación do Polideportivo Municipal, un dos proxectos estrela do goberno local.
Esta mañá, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, xunto co tenente alcalde e concelleiro de Obras, Daniel Rey, asinaron a acta de replantexo da intervención, que dará comezo ao longo da próxima semana.
Barbadás inicia ampliación do Polideportivo Municipal
Segundo explicou Valcárcel, a primeira fase contempla a construción dun ascensor que conectará a primeira planta coa segunda. Nesa segunda planta instalarase unha cuberta, o novo ximnasio, a sala de clases dirixidas e os vestiarios.

O proxecto desta fase conta cun orzamento de 150.000 euros e permitirá conectar interiormente as dúas plantas, ata agora só unidas por escaleiras exteriores.
Nunha segunda fase, a planta superior cambiará completamente a súa configuración. Construiranse os vestiarios e a estrutura do ximnasio, incluíndo unha sala para actividades dirixidas. Valcárcel sinalou que esta ampliación permitirá incrementar o número de socios e mellorar o servizo, ao liberar a pista central para eventos deportivos e ofrecer espazos propios para actividades.
As instalacións municipais contan con máis de 1.000 persoas inscritas, o que evidencia a elevada demanda. O proxecto completo de ampliación terá un orzamento de 1,2 millóns de euros e está previsto que finalice a mediados de novembro.

