A Asociación Cultural As Canellas entrega 9.300 euros á Asociación Española Contra o Cancro en Ourense.
Esta cantidade corresponde á recadación íntegra da X Gala Contra o Cancro de Ourense, celebrada o pasado 29 de novembro no Auditorio Municipal.
A solidariedade ourensá suma 9.300 euros contra o cancro
O importe procede da venda de entradas, das achegas da fila 0 e das doazóns de empresas e particulares. Todos eles, un ano máis, apoiaron este evento solidario xa consolidado no calendario cultural da cidade.

O acto de entrega contou coa presenza de David Rodríguez, organizador da gala e presidente da Asociación Cultural As Canellas, quen fixo entrega do cheque a Germán Rodríguez-Saá, presidente da AECC en Ourense.
Ambos subliñaron o valor social dun proxecto que cumpre dez anos unindo cultura, música e compromiso coa loita contra o cancro.
Unha edición especial cun cartel de luxo
A décima edición da gala reuniu un elenco artístico de primeiro nivel, encabezado polo cantautor Andrés Suárez. Este estivo acompañado por Marta Doviro, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Castro Floxo, Dantzari Danzas do Mundo e a nova voz ourensá Daniela González.
O evento combinou música, humor e danza nunha noite que encheu o Auditorio Municipal e reafirmou o espírito solidario da cidadanía ourensá. En total, nas súas dez edicións, a gala leva recadados máis de 59.000 euros. Estes fondos foron destinados integramente aos programas de apoio a pacientes oncolóxicos e ás súas familias na provincia.
Recoñecementos ao labor da organización
Durante o acto, David Rodríguez destacou “o orgullo de chegar a unha década de traballo colectivo, no que a cultura se converteu nun motor de esperanza e apoio para quen máis o precisa”. Tamén agradeceu o compromiso da Asociación e das entidades colaboradoras que fan posible o evento ano tras ano.
Pola súa parte, Germán Rodríguez-Saá puxo en valor “a enorme importancia desta gala para visibilizar a realidade do cancro e reforzar os programas de acompañamento, prevención e investigación que a Asociación desenvolve en Ourense”.

