As instalacións do CEIP de Luintra necesitan unha mellora en opinión da concelleira do BNG, Mª Carmen Armesto, no concello de Nogueira de Ramuín.
A situación das instalacións deste centro educativo foron tratadas no último pleno municipal onde se debateu sobre a necesidade de actuacións no centro e no entorno.
As instalacións do CEIP de Luintra necesitan unha mellora
«A situación na que se encontran as instalacións non son as mellores e nin tan sequera aceptables para desenvolver nunhas condicións minimamente dignas a docencia» indica Armesto. Este centro, inaugurado no ano 1975 «atende a un total de 46 alumnas e alumnos».
Desde o BNG piden que tanto a Consellería de Educación como o Concello de Nogueira de Ramuín poñan remedio «ás deficiencias que comprometen o benestar, e mesmo a seguridade das traballadoras e do alumnado dun centro que non foi reformado desde a súa posta en funcionamento hai case medio século».
Tamén solicitan desde o BNG que se mellore a seguridade viaria na contorna do centro educativo. Esta actuación correspondería á Deputación de Ourense á que se pide que instale «un paso de peóns elevado así como sinalización vertical de proximidade de centro educativo para conquerir unha redución na velocidade dos vehículos que garanta a seguridade do alumnado«.
Ambas propostas do BNG foron aprobadas por unanimidade no Pleno municipal.