O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou o remate das obras de instalación dun ascensor no CEIP Virxe de Covadonga.
Nesta actuación, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional investiu máis de 75.000 euros para mellorar a accesibilidade do centro educativo.
A Xunta instala un ascensor no CEIP Virxe de Covadonga de Ourense
A intervención consistiu na instalación dun ascensor eléctrico no interior do edificio, situado no vestíbulo de entrada e con capacidade para oito persoas, adaptado para persoas con mobilidade reducida. O equipamento dispón de catro paradas, correspondentes ás plantas baixa, primeira, segunda e terceira.

Para levar a cabo a obra realizáronse ocos nos chans das plantas baixa e primeira e executouse a escavación do foxo. Ademais, na planta baixa habilitouse unha rampla para salvar a diferenza de nivel entre o patio e o comedor escolar, mellorando así a accesibilidade do centro.
Segundo explicou Manuel Pardo, esta actuación enmárcase no Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta para modernizar as infraestruturas educativas e garantir espazos seguros, accesibles e confortables para o alumnado.

