A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte deu a coñecer o programa de actividades e festexos para o Entroido 2025.
Esta programación terá lugar entre o xoves 27 de febreiro e a madrugada do luns ao martes de Entroido.
A Asociación Cultural Frei Canedo presenta o programa de Entroido 2025
O evento, que cada ano atrae a milleiros de persoas, busca consolidarse como unha referencia na cidade de Ourense grazas a unha oferta variada e pensada para tódolos públicos.
Unha festa en crecemento
O obxectivo da asociación é seguir fomentando a participación dos veciños e veciñas, así como dos ourensáns en xeral, superando as cifras de asistencia do pasado ano, cando máis de 20.000 persoas visitaron a carpa situada no parque da Ribeira de Canedo, epicentro das celebracións.
Novidades e actividades tradicionais
Entre as novidades desta edición destaca a Gran Festa de Comadres, que se celebrará por primeira vez na carpa da Ribeira de Canedo o xoves 27 de febreiro. O evento incluirá unha cea popular con callos, churrasco, ensalada, criollo, orellas de Entroido, pan e viño por un prezo de 25 euros. As entradas estarán dispoñibles ata o 26 de febreiro en varios puntos de venda do barrio. A festa completarase con baile de disfraces e actuacións musicais, sendo o requisito principal que todas as persoas asistan disfrazadas de muller.

O venres 28 de febreiro, Frei Canedo participará no tradicional desfile do Concello de Ourense polo casco vello. A partir das 21:00 horas, a carpa da Ribeira de Canedo acollerá diferentes actuacións musicais, ademais da Festa DJ, que chega á súa segunda edición con catro recoñecidos DJ’s da cidade.
O sábado 1 de marzo arrancará cun pasarrúas a cargo de Cantares da Cunha, animando as rúas do barrio da Ponte. Pola noite, ás 23:00 horas, actuará a Orquestra La Noria na carpa.
O domingo 2 de marzo estará dedicado ás crianzas, con xogos tradicionais, talleres de maquillaxe, animación e o xa consolidado taller de queixos de Vallelongo. Para os adultos, haberá sesión vermú a cargo de Verbena Disco e un xantar popular con polbo e carne ao caldeiro. A xornada rematará cun concerto do grupo ourensán Amarillo 13.
O luns de Entroido: o día grande
O luns 3 de marzo será o día máis esperado, comezando cun pasarrúas de Aperta Percusión. Pola tarde, celebrarase a tradicional xuntanza de cofrades e cofradesas, seguida do bautismo dos novos membros, a bendición da súa santidade, a entrega de premios dos concursos de escaparates e cartel, e a purificación do potafumeiro. O pregón deste ano correrá a cargo de Cañita Brava e terá lugar na entrada da Ponte Romana.
A partir das 20:15 horas iniciarase a solemne procesión de Frei Canedo, con alta participación de comparsas, que competirán no concurso para elixir as mellores. O percorrido incluirá as rúas Ribeira de Canedo, Avenida das Caldas, Xesús Pousa, San Froilán e de novo Avenida das Caldas. Pola noite, haberá actuacións musicais, o lanzamento do tradicional folión de fogos de artificio ás 00:00 horas, e o sorteo das rifas.
A Asociación Cultural Frei Canedo da Ponte agradece a colaboración do Concello de Ourense, de Aceites Abril e de todos os negocios e empresarios que fan posible o Entroido. Frei Canedo convida a tódalas persoas a participar nos festexos e deséxalles un feliz Entroido.
