As edís do grupo municipal socialista e a deputada autonómica Carmen Rodríguez Dacosta mantiveron un encontro coa comunidade educativa do CEIP Manuel Luis Acuña, en Ourense.
O encontro serviu para analizar a situación que sofren profesorado e alumnado desde hai meses pola falta de actuación nas instalacións do centro.
Denuncian filtracións e frío no CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense
Desde o PSdeG no Concello de Ourense lembran que en decembro de 2023 a Xunta anunciou publicamente a reforma integral do centro. Indican que a licitación se realizaría ao longo de 2024 e que o inicio das obras estaba previsto para finais dese mesmo ano.

Estas actuacións formaban parte do denominado plan de nova arquitectura pedagóxica do Goberno autonómico.
“Transcorreu xa máis dun ano desde ese anuncio e a realidade que vive a comunidade educativa do CEIP Manuel Luis Acuña evidencia a distancia entre as promesas da Xunta e a súa acción real”, lamenta a voceira socialista no Concello e secretaria xeral do partido na cidade. Segundo explica, “na actualidade existen aulas pechadas pola entrada de auga e polas baixas temperaturas, e os danos provocados por un temporal no ano 2025 só se cubriron con arranxos provisionais, sen abordar a reforma estrutural necesaria”.
A deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, advirte de que a inacción da Xunta agravou progresivamente os danos no colexio. A entrada continuada de auga estaría a causar problemas na instalación eléctrica, con cortes de subministración que afectan directamente ao funcionamento da caldeira de calefacción. “Resulta inconcibible que non se poidan garantir condicións térmicas axeitadas, obrigando a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos a permanecer nas aulas e no comedor escolar coas chaquetas postas durante toda a xornada”, sinala.
Solucións provisionais
Como medida extraordinaria, o centro recorreu ao alugueiro dun canón de calor a gasolina que se despraza por distintas dependencias do colexio. Para o PSdeG, trátase dunha solución improvisada, insuficiente e impropia dun centro educativo público do século XXI.
Ante esta situación, e segundo explica o grupo socialista, Carmen Rodríguez Dacosta presentou no Parlamento galego unha batería de iniciativas. Estas esixen que se liciten de maneira inmediata e con carácter de urxencia as obras de reforma integral do CEIP Manuel Luis Acuña de Ourense. As socialistas consideran urxente esta actuación tendo en conta o agravamento dos danos nas instalacións e as condicións actuais do centro.

