A plataforma veciñal Auga Limpa Xa, integrada por habitantes das comarcas da Limia, Celanova e Allariz-Maceda xunto a colectivos ecoloxistas, proclamou onte na Casa da Cultura de Xinzo de Limia «o fin simbólico da impunidade» fronte á contaminación das augas do territorio.
Esta declaración chega tras a histórica sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condena a inacción da Xunta de Galicia e da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), obrigándoas a adoptar medidas para reparar os danos ambientais.
Auga Limpa Xa proclama en Xinzo o fin da impunidade pola contaminación na Limia
Durante o acto, interviñeron Pablo Álvarez, portavoz das veciñas das Conchas (Lobeira), Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), e Manuel García, portavoz do Movemento Ecoloxista da Limia e un dos impulsores da plataforma.

Pablo Álvarez advertiu que esta sentenza non é definitiva, pero que supón o comezo dunha nova etapa. “Estamos dispostos a ir ao Constitucional e mesmo á xustiza europea”, afirmou. Segundo Álvarez, o caso vai máis alá da situación no encoro das Conchas, que sofre unha contaminación “superior á do Mar Menor”, xa que os efectos tamén afectan aos pozos da Limia, cunha elevada presenza de nitritos e riscos de saúde pública.
Pola súa parte, Serafín González expuxo que a orixe da contaminación se atopa na carga gandeira intensiva da comarca, especialmente nas macrogranxas de porco e aves. Lembrou que a SGHN leva 17 anos denunciando sen éxito o impacto ambiental do modelo produtivo na zona. Segundo datos da propia CHMS, os residuos equivalen aos xerados por 2 millóns de persoas, fronte aos 25.000 habitantes reais das comarcas afectadas. González reclamou unha moratoria inmediata e a redución da carga gandeira: “Na Limia non hai terra para tanta merda”.
Manuel García, fundador do Movemento Ecoloxista da Limia, repasou dúas décadas de loita ambiental e sinalou o fracaso de medidas como a Mesa da Limia ou o Plan Estratéxico (PEL), que nunca se activou. García defendeu a declaración da Limia como Zona Vulnerable por nitratos, tal como esixe a UE desde 2022, e a adopción de boas prácticas agrícolas, cun modelo sostible baseado na calidade e na recuperación das técnicas tradicionais.
A sentenza do TSXG representa un punto de inflexión para un territorio que leva anos reclamando atención e acción fronte a unha das maiores crises ambientais de Galicia.