Noticias

Os autónomos galegos mobilízanse o 30 de novembro

Os autónomos de Galicia sairán á rúa o 30 de novembro ás 11:00 horas en Santiago de Compostela para reclamar medidas reais e urxentes que lles permitan manter a súa actividade.

A protesta nace da indignación xerada polo plan de subida de cotas presentado en outubro polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Os autónomos galegos mobilízanse o 30 de novembro

A convocatoria xurdiu de maneira espontánea tras unha publicación do músico e creador de contido Iván Carrasco, coñecido nas redes sociais, onde suma máis de 172.000 seguidores. O que comezou como unha iniciativa individual converteuse rapidamente nun movemento colectivo e altruísta, que mobilizou a centos de profesionais de distintos sectores e puntos do país.

Os autónomos galegos mobilízanse o 30 de novembro
Manifestación de autónomos

En Galicia, grupos de autónomos están a organizarse para garantir unha ampla participación na mobilización, que se enmarca nunha acción conxunta a nivel nacional. O obxectivo é dar visibilidade ás inquedanzas do colectivo e promover un diálogo construtivo coas administracións.

O manifesto, difundido polos promotores da iniciativa, lembra quen son os protagonistas desta loita: “Somos quen cada día levantamos a persiana, acendemos a luz do taller ou abrimos a porta da tenda. Os que non cobramos se non traballamos. Os que madrugamos, arriscamos e sostiñemos este país. Pero tamén somos os máis castigados”.

Publicaciones relacionadas

O movemento insiste en que non conta con afiliación política nin respaldo sindical, e que nace unicamente da cidadanía. Sinalan que xurde coa vontade de defender a dignidade de vivir do propio traballo e reclamar condicións xustas fronte a un sistema que, segundo denuncian, “exprime, ignora e despreza ao autónomo”.

O manifesto tamén subliña o papel esencial deste colectivo: “Alí onde non chegan as grandes corporacións nin o Estado, chega un autónomo. Cada peche non é só un negocio que morre: é unha familia que cae, unha comunidade que se apaga.”

15% do emprego total en España

Actualmente, os autónomos representan máis do 15% do emprego total en España. Lembran que constitúen unha peza clave no tecido económico e social dos barrios e vilas. Porén, denuncian que a falta de estabilidade e as cargas administrativas crecientes están a provocar un goteo constante de peches en todos os sectores.

O chamamento final da convocatoria resume o espírito da mobilización: “Non pedimos privilexios. Pedimos xustiza, respecto e liberdade para seguir facendo o que mellor sabemos: levantar a persiana cada día, crear, servir e construír futuro. Porque sen autónomos, España apágase. E se un día decidimos parar, este país deixará de respirar.”

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.