A Xunta de Galicia destina máis de 100.000 euros a 14 estacións de servizo da provincia de Ourense para impulsar a súa modernización tecnolóxica, dixitalización e mellora da seguridade, ao abeiro da orde de axudas correspondente ao ano 2025.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou esta achega durante a súa visita ao concello de Riós, onde, acompañado pola alcaldesa Eva Barrio, coñeceu as instalacións de Vec Riós S.L., unha das empresas beneficiarias desta liña de apoios.
A Xunta destina máis de 100.000 euros a 14 gasolineiras de Ourense
Neste caso concreto, a Consellería de Economía e Industria investiu 30.000 euros na implantación de sistemas de pagamento, na integración de plataformas dixitais para optimizar a adquisición de produtos e servizos e na incorporación de equipamentos para reforzar a seguridade do establecemento.

Durante a visita, Manuel Pardo lembrou que a Xunta mantén aberto o prazo dunha nova convocatoria de axudas ata o 9 de marzo, cun orzamento global de 800.000 euros. Cada solicitude poderá recibir ata 30.000 euros, aos que se engaden ata 5.000 euros para a adquisición de grupos electróxenos e ata 1.500 euros para a instalación de desfibriladores.
Segundo explicou o delegado territorial, estas achegas diríxense a estacións de servizo situadas en concellos de ata 20.000 habitantes, segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística. Como novidade, tamén poden acceder ás axudas aquelas gasolineiras emprazadas en parroquias consideradas zonas pouco poboadas ou áreas rurais, mesmo se se atopan en municipios con maior número de habitantes.
Manuel Pardo subliñou que o obxectivo da orde é que as estacións de servizo do rural, especialmente nas zonas máis despoboadas, poidan ampliar a oferta de produtos e servizos, facilitando que a veciñanza teña cubertas as súas necesidades sen desprazamentos longos. “Trátase de reforzar estes establecementos como servizos esenciais para o territorio”, apuntou.

