Noticias

Beade benefíciase das axudas da Xunta á viticultura

As axudas da Xunta para a reconversión da viña en Beade permitiron apoiar a adega Fernando Cibeira, da DO Ribeiro, cun investimento de máis de 6.000 euros destinado á mellora e modernización do viñedo.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Beade, onde, acompañado polo alcalde, Fernando Taboada, visitou a adega Fernando Cibeira, beneficiaria das axudas concedidas ao abeiro da orde de 2025 para apoiar a reestruturación e reconversión da viña en Galicia.

Beade benefíciase das axudas da Xunta á viticultura

Durante a visita, Manuel Pardo destacou que esta convocatoria contou cun orzamento resolto de máis de 3 millóns de euros en toda Galicia. Na provincia de Ourense, destináronse máis de 1,3 millóns de euros, beneficiando a 81 persoas viticultoras e bodegas e permitindo actuar sobre 99,5 hectáreas de viñedo.

Beade benefíciase das axudas da Xunta á viticultura
Foto: Delegación da Xunta

O delegado territorial explicou que o obxectivo principal destas achegas é incrementar a competitividade das explotacións vitícolas, adaptar o cultivo da vide ao cambio climático e facelo ambientalmente máis sustentable. Segundo sinalou, estas medidas tamén contribúen a reducir custos, mellorar a orientación aos mercados e potenciar a profesionalización do sector, xerando beneficios económicos e favorecendo a remuda xeracional.

Manuel Pardo detallou que son subvencionables actuacións como a replantación de viñedos, con ou sen sistema de condución; a reconversión varietal; a mellora das técnicas de xestión; e a replantación tras arrinques obrigatorios por motivos sanitarios ou fitosanitarios, cando así o determine a autoridade competente.

Durante o percorrido polas instalacións, o representante do Goberno galego subliñou que esta iniciativa é unha ferramenta estratéxica para Ourense, xa que permite substituír viñas antigas por variedades autóctonas, máis resistentes ás condicións climáticas e capaces de producir viños de maior calidade, reforzando a diferenciación da provincia nun mercado globalizado.

Botón volver arriba
Cerrar

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.