O Concello de Barbadás celebra este 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, baixo o lema “Contra o negacionismo: compromiso e acción”.
A programación inclúe teatro, obradoiros e actividades educativas orientadas a visibilizar e denunciar as diversas formas de violencia que sofren as mulleres. Esta programación tamén pretende concienciar á poboación de todas as idades.
Barbadás programa actividades educativas e culturais no 25N
“Queremos poñer o foco no negacionismo da violencia de xénero, en constante aumento nos últimos tempos, xa que consideramos que este tipo de discursos tamén son violencia”, explicou Elisabet González, concelleira de Igualdade, na presentación das actividades.

A Concellería achegarase aos centros educativos para formar ás novas xeracións na identificación da violencia e no desenvolvemento do pensamento crítico.
Destacan os obradoiros “O que non se ve non existe”, con alumnado de Educación Primaria, e “Desmontando mitos”, con alumnado de Secundaria. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, sinalou que estes obradoiros abordan “formas de violencia máis sutís, máis ocultas, difíciles de identificar” e resaltou a necesidade de poñer sobre a mesa “as situacións que viven as mulleres e o impacto de certos discursos”.
As actividades estenderanse ata decembro en centros como CEIP Filomena Dato, O Ruxidoiro, Luis Vives e IES Ferro Couselo.
O propio 25N, na rotonda da Familia da Valenzá, celebrarase a lectura dun manifesto contra a violencia machista ás 12:00 horas. Este acto contará coa participación de alumnado do CPR Luis Vives. O evento incluirá unha carpa aberta á veciñanza para informar sobre a campaña da Concellería e os recursos dispoñibles para mulleres vítimas de violencia.
A programación remata o 28 de novembro coa Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á violencia de xénero. Tamén terá lugar ese día a obra teatral “Xoguetes rotos”, da compañía Barrosanta, que se representará na Casa de Cultura ás 20:30 horas.

