Noticias

Barbadás crea unha área de lecer sostible na Calzada Romana

O Concello de Barbadás inaugurou esta mañá unha nova área de lecer ao aire libre situada xunto á Calzada Romana da Valenzá.

O espazo, de 2.200 metros cadrados, foi totalmente acondicionado cunha intervención que incluíu a poda das árbores, a limpeza da zona e a instalación de mesas, bancos e xogos tradicionais elaborados con madeira.

Barbadás crea unha área de lecer sostible na Calzada Romana

Como goberno fomos quen de recuperar esta zona, que durante moitos anos estivo practicamente abandonada, e convertila nun espazo de lecer para pequenos e maiores”, destacou o alcalde Xosé Carlos Valcárcel durante o acto de inauguración. O proxecto partiu das concellerías de Educación e Parques e Xardíns, coa colaboración das áreas de Emerxencias e Promoción Económica.

Barbadás crea unha área de lecer sostible na Calzada Romana
Foto: Concello de Barbadás

A nova área pretende ofrecer unha alternativa diferente aos parques convencionais. “Este parque integra natureza e xogo, con propostas únicas e ecolóxicas. É un espazo para xogar, descansar e merendar, pensado para as familias e a mocidade da Valenzá e da comarca de Ourense”, explicou Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Parques e Xardíns. O lugar conserva unha gran variedade de especies arbóreas autóctonas, como piñeiros, carballos, teixos, salgueiros, sobreiras e loureiros.

Unha das iniciativas máis destacadas será a elección do nome do novo parque por parte do alumnado dos centros educativos do municipio. “Queremos implicar aos colexios neste primeiro paso e que o alumnado propoña un nome para este espazo natural”, adiantou Morenza.

A Concellería de Emerxencias encargouse da limpeza e posta a punto da zona, que levaba anos invadida pola vexetación. “O primeiro foi garantir a seguridade, polo que contratamos unha empresa especializada en podas en altura e eliminación de árbores en mal estado”, explicou o concelleiro Daniel Rey. A madeira obtida reutilizouse para fabricar in situ mesas e bancos.

Obradoiro de emprego

Finalmente, o alumnado do módulo de xardinaría do Obradoiro de Emprego deseñou os espazos de xogo e creou unha “zona de aventuras”. Esta zona está baseada en xogos tradicionais. “Aquí non hai tobogáns, senón propostas que fomentan o xogo creativo e o contacto coa natureza”, engadiu José Manuel Morgade, concelleiro de Promoción Económica.

Con esta actuación, Barbadás dá un paso máis na recuperación e posta en valor do seu patrimonio natural, ofrecendo á cidadanía un novo punto de encontro para o ocio sostible.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.