O Concello de Barbadás solicitou á Xunta de Galicia que asuma a xestión íntegra do Servizo de Atención no Fogar (SAF) ante os sucesivos incumprimentos da empresa adxudicataria, Osventos, que están a provocar un grave deterioro na atención ás persoas usuarias.
O Concello multa con 11.268 euros á empresa por incumprir o contrato e deteriorar a atención ás persoas vulnerables
Barbadás pide á Xunta asumir o SAF tras sancionar a Osventos
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, enviou este xoves unha carta á Consellería de Política Social na que denuncia as reiteradas infraccións da concesionaria, a súa falta de resposta aos requirimentos municipais e as numerosas queixas da cidadanía. “Queremos dar un bo servizo, e agora mesmo non é posible”, advertiu o rexedor.

O goberno local vén de concluír o segundo expediente sancionador contra Osventos, cunha multa de 11.268 euros, tras constatar que non cobre as baixas nin as vacacións do persoal, deixando sen atención axeitada a persoas en situación de especial vulnerabilidade. Hai uns meses, xa fora sancionada con máis de 17.000 euros polo incumprimento do contrato anterior (2021-2024).
Valcárcel tamén lembra que a lei obriga ás administracións autonómica e estatal a financiar o 100% do SAF, mais actualmente o Concello achega o 58,7% do custo. En 2024 investiu preto de 450.000 euros neste servizo, que segundo o alcalde se ve comprometido polo “incumprimento flagrante” da Xunta e do Ministerio de Dereitos Sociais.
Barbadás únese así a outros concellos, como Arteixo, que esta mesma semana tamén reclamaron á Xunta a xestión directa do SAF pola mala praxe de Osventos.