O Concello de Barbadás continúa a apostar pola modernización dos seus servizos municipais e pola seguridade da veciñanza coa incorporación dun novo vehículo á flota da Policía Local.
Trátase do segundo automóbil recibido este ano, que permitirá mellorar os desprazamentos tanto en zonas urbanas como rurais e reforzar as tarefas de vixilancia no municipio.
Barbadás reforza a seguridade coa renovación da flota da Policía Local
O acto de entrega contou coa presenza do alcalde, Xosé Carlos Valcárcel. O rexedor destacou o compromiso do goberno local coa mellora continua dos medios materiais e humanos da Policía.

Xunto a el estiveron o xefe da Policía Local, Fernando Freire, a tenente alcalde Victoria Morenza, o concelleiro de Emerxencias Daniel Rey, así como persoal administrativo e membros de Protección Civil.
Valcárcel subliñou que o obxectivo é ofrecer un servizo integral que dea resposta ás necesidades da poboación. “Os novos vehículos representan un paso máis na modernización da xefatura e na mellora da seguridade cidadá en todo o municipio”, indicou.
Ademais da renovación da flota, o Concello anunciou que os axentes disporán dun novo garaxe adaptado aos vehículos. Tamén se está a ultimar a implantación dun sistema de comunicación dixital avanzado. Este sirtema permitirá unha resposta máis rápida e eficiente nas intervencións e na atención á cidadanía.