Noticias

Barbadás renova 581 luminarias LED e reduce o consumo nun 83%

O Concello de Barbadás vén de iniciar a renovación de 581 vellas luminarias por outras de tecnoloxía LED no marco dun proxecto aprobado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE).

Esta intervención, que supón un investimento de 350.984,24 euros, permitirá reducir nun 83% o consumo enerxético actual.

Barbadás renova 581 luminarias LED e reduce o consumo nun 83%

O proxecto abrangue nove instalacións de alumeado público situadas principalmente nos núcleos de Barbadás e Bentraces. “As novas luminarias son LED de 2200K e están dimensionadas conforme á normativa vixente en materia de eficiencia enerxética e calidade do alumeado exterior”, sinalou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel. Este destacou que o Concello “segue avanzando cara a un modelo de desenvolvemento sostible e responsable co medio ambiente”.

Barbadás renova 581 luminarias LED e reduce o consumo nun 83%
Foto: Concello de Barbadás

A tenente alcalde e concelleira de Servizos Públicos, Victoria Morenza, explicou que a elección das novas luces responde ao Regulamento de Eficiencia Enerxética en Instalacións de Alumeado Exterior. Este regulamento fixa os niveis axeitados de iluminación, o consumo máximo permitido e a redución da contaminación lumínica. “O obxectivo é evitar o sobredimensionamento das antigas instalacións e mellorar a calidade da luz sen prexudicar a saúde nin o entorno”, apuntou.

Morenza destacou tamén os beneficios das novas luminarias no eido da saúde e da seguridade viaria: “As luces teñen unha temperatura de cor baixa e unha mínima fracción de radiación azul, o que evita alteracións nos ritmos circadianos e favorece o descanso nocturno. Ademais, reducen o deslumbramento de condutores e peóns e minimizan o impacto sobre a fauna local”.

As características do novo sistema están aliñadas coa Estratexia Nacional de Ceos Escuros e coas directrices europeas de protección da biodiversidade. “Queremos reducir a sobreiluminación e axustar os niveis de luz ás recomendacións internacionais para garantir seguridade e confort visual, avanzando cara a un modelo máis eficiente e sostible”, resumiu Valcárcel.

Este é o terceiro plan de modernización presentado por Barbadás ante o IDAE. Con anterioridade substituíu as vellas luminarias por LED en Parada, Sobrado e sete rúas da Valenzá. Ademais, o Concello ten desenvolvido actuacións con fondos propios en Piñor e Finca Fierro.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.