O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, e a tenente de alcalde, Victoria Morenza, mantiveron unha reunión co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na que se abordaron diversos proxectos estratéxicos para o futuro do municipio.
Esta cita foi valorada polo rexedor como “moi cordial e produtiva”.
A Xunta apoiará a reforma do polideportivo de Barbadás
A reforma integral do Polideportivo Municipal foi un dos puntos centrais do encontro. Alfonso Rueda comprometeuse a asumir esta actuación como unha prioridade estratéxica, en colaboración co Concello. O proxecto prevé melloras de accesibilidade, novos vestiarios, espazos polivalentes e instalacións modernas para fomentar o deporte local.

Para este fin, xa se solicitou unha subvención de 612.000 euros, coa colaboración da Deputación de Ourense.
Outro dos avances destacados foi a resposta positiva da Xunta ante a proposta de cesión de terreos para o futuro polígono industrial de Barbadás, un proxecto clave para a dinamización económica do municipio.
Tamén se tratou a posibilidade dun edificio multiusos na Valenzá. A Xunta mostrouse aberta a estudar a proposta, aínda que está pendente da presentación dun proxecto concreto. Pola contra, outras demandas como a construción dun novo instituto ou a creación dun centro de día foron desbotadas polo momento por non considerarse prioritarias para o Goberno galego.
No ámbito cultural, a Xunta comprometeuse a achegar 15.000 euros para apoiar as actividades conmemorativas do centenario da escritora Carmen Martín Gaite.
Ao remate da reunión, o alcalde destacou a disposición do presidente da Xunta para escoitar as demandas locais: “Agradecémoslle a atención que nos prestou a nós e, así mesmo, ás necesidades dos barbadeses e barbadesas”.