Noticias

Barbadás fixa as bases para organizar as festas da Valenzá

O Concello de Barbadás fixa as bases para organizar as festas da Valenzá tras o interese veciñal rexistrado na última edición, na que se presentaron dúas comisións.

O goberno local establece así unha serie de condicións mínimas obrigatorias para garantir o bo desenvolvemento dos festexos patronais no ano 2026.

Barbadás fixa as bases para organizar as festas da Valenzá

Segundo explica o Concello, a festa da Valenzá, o núcleo máis poboado do municipio, mantén a tradición de ser organizada por comisións veciñais.

Ante a previsión de que volvan concorrer varias candidaturas, o Concello elaborou un documento de bases que deberá cumprir quen resulte finalmente elixido como organizador.

Barbadás fixa as bases para organizar as festas da Valenzá

📅 Prazo de presentación de propostas

As persoas interesadas en asumir a organización das festas poderán presentar as súas propostas ata o 31 de xaneiro. O prazo de solicitudes abriu o 1 de xaneiro e permanecerá aberto durante todo o mes.

📌 Datas e horarios dos festexos

As bases recollen que, por tradición e para evitar coincidencias con outras celebracións do municipio, as festas terán lugar a fin de semana anterior ao 11 de xuño, día do patrón San Bernabé da Valenzá. No ano 2026, corresponderán aos días 5, 6 e 7 de xuño.

As actuacións musicais celebraranse en horario de tarde e verbena os días venres e sábado, cun límite ata as 4:30 horas, mentres que o domingo o horario máximo será ata as 23:00 horas. Ademais, o propio 11 de xuño haberá festa na praza do pobo vello, con actuación musical, o tradicional “baile da pataca” e o concurso da queimada, que deberá finalizar non máis tarde das 22:30 horas.

🛡️ Seguridade, permisos e organización

A organización das festas implicará a presentación dos permisos correspondentes, documentación técnica e seguros de responsabilidade civil, conforme á normativa vixente. As localizacións de escenarios, barras, atraccións ou calquera actividade que implique ocupación da vía pública ou alteración da mobilidade requirirán informe preceptivo e vinculante da Policía Local e de Protección Civil.

No espazo das verbenas deberá instalarse un “punto violeta” de información contra a violencia machista nun lugar de máxima visibilidade, así como baños portátiles en número suficiente tanto nas verbenas como na zona de atraccións.

🎶 Coordinación e colaboración institucional

A comisión organizadora deberá coordinarse cos feirantes, cos responsables da parroquia para os actos de culto e coa colocación de valados, sinalización e balizamentos, seguindo estritamente as indicacións da Policía Local e Protección Civil. Na cartelería e programas da festa deberán figurar de forma destacada os escudos e o slogan do Concello de Barbadás, así como os da Policía Local e Protección Civil como entidades colaboradoras.

📊 Comité de valoración

As propostas presentadas serán avaliadas por un comité de valoración, presidido polo tenente alcalde e integrado polo secretario da corporación, un funcionario da Policía Local, un de Protección Civil, un traballador do departamento de Cultura e outro da Escola de Música. Entre os criterios a valorar estarán a calidade artística, a programación de actividades familiares, xogos populares, animación nas rúas, eventos deportivos e aquelas iniciativas que fomenten a dinamización social e a convivencia veciñal.

Botón volver arriba