O PSdG-PSOE de Ribadavia rexistrou unha moción para promover a declaración como ben de interese cultural industrial da cheminea e da sirena da antiga fábrica de cadaleitos creada por Luís Chao Sobrino, dous elementos singulares do patrimonio histórico e social da vila.
A fábrica, considerada a primeira do sector en España, iniciou a súa actividade en 1910 e trasladouse en 1928 ás instalacións próximas á estación de tren.
O PSdG-PSOE de Ribadavia propón protexer a cheminea de Chao
Tras o falecemento do fundador en 1938, constituíuse en 1940 a sociedade Herdeiros Luís Chao Sobrino, que chegou a empregar preto de 200 persoas e cesou a súa actividade en 2019.

Entre os elementos máis representativos destacan a cheminea coa inscrición “Herdeiros Luís Chao Sobrino”, datada nos anos 40, e a sirena industrial instalada a comezos dos 60, que marcou durante décadas o ritmo diario da veciñanza e se converteu nun símbolo compartido por varias xeracións.
Segundo expón o grupo socialista na súa iniciativa, a sirena forma parte da memoria colectiva do Ribeiro e representa unha etapa clave de desenvolvemento económico e social para Ribadavia.
A moción propón incluír ambos elementos no catálogo municipal de bens protexidos, solicitar á Xunta de Galicia a súa declaración como BIC industrial en categoría de monumento, avaliar o estado da cheminea e impulsar a posta en valor da sirena, mesmo coa súa activación simbólica un día á semana, por exemplo os sábados ás 13:00 h.
O PSdG-PSOE subliña que a proposta busca combinar protección patrimonial, recuperación da memoria histórica e dinamización cultural do municipio.

