Noticias

O BNG acusa a Jácome de bloquear o traslado da Praza

O Portavoz do BNG en Ourense, Luís Seara, asegurou que o conflito cos praceiros da Praza de Abastos nº 1 responde á “estratexia” do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, para modificar o modelo de xestión do mercado, ao tempo que reclamou un traslado inmediato pero con garantías ao edificio rehabilitado.

A Xunta de Portavoces reuniuse esta mañá para abordar unha situación que avanza cara ao desafiuzamento do espazo da Alameda, ocupado provisionalmente desde as obras de reforma.

O BNG acusa a Jácome de bloquear o traslado da Praza

Seara deixou claro desde o inicio da xuntanza que o BNG quere que o espazo da Alameda quede liberado canto antes, subliñando que ese é tamén o desexo das comerciantes. “Se pode ser mañá mellor ca pasado, pero o traslado debe facerse en condicións que lles permitan seguir traballando con normalidade”, indicou o portavoz nacionalista.

O BNG acusa a Jácome de bloquear o traslado da Praza
Foto: BNG

O representante do Bloque sinalou que o edificio rehabilitado da Praza “quedou moi bonito desde o punto de vista estético”, mais asegurou que “non é funcional” e presenta carencias técnicas que deben ser resoltas antes de calquera traslado definitivo. Segundo expuxo, estas deficiencias condicionan a actividade dun sector que xera 286 postos de traballo. “Non se pode banalizar unha situación que afecta a preto de 300 familias”, advertiu.

A formación nacionalista valorou positivamente a proposta presentada polas propias praceiras e polo acordo impulsado pola Xunta de Galicia e a Deputación, que ofreceron ao Concello unha alternativa “difícil de rexeitar”. Para o BNG, a responsabilidade de que o conflito continúe “é exclusivamente do alcalde”. “Será o único responsable de que esta situación se enquiste aínda máis”, engadiu Seara.

Cambio de modelo

O BNG considera que a postura do Goberno local responde ao interese do alcalde por mudar o modelo actual da Praza, para orientalo cara a un sistema similar ao da Praza da Ponte, onde a xestión recae nun único empresario. “Seguramente alguén próximo a el”, apuntou Seara, quen insistiu en que o Bloque defende o modelo tradicional, que considera exitoso e atractivo para o turismo, como ocorre noutras cidades.

O portavoz reiterou que o BNG aposta polo traslado “canto antes”, pero sempre “en condicións dignas”. E enviou unha mensaxe directa ao alcalde: “Se Jácome quere rescindir a concesión e cambiar o modelo, que o faga a través da Xunta de Goberno local, pero asumindo todas as consecuencias”.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.