O BNG solicita ao Concello de Ourense atrasar a posta en marcha do novo mapa de liñas de autobús urbano, prevista para este martes 16 de setembro, ante a preocupación e confusión crecente entre a veciñanza.
Nas últimas semanas, a formación nacionalista intensificou os encontros con asociacións veciñais, colectivos sociais, persoal do servizo e cidadanía en xeral, detectando “unha fonda inquedanza diante da incerteza sobre como quedará articulado o transporte público”.
O BNG esixe implantar de xeito gradual as novas liñas de bus
O portavoz municipal do BNG, Luís Seara, lembrou que xa na Xunta de Portavoces do pasado venres advertiran ao alcalde sobre “a necesidade de adiar a entrada en vigor para avaliala con calma, seriedade e rigor, con informes técnicos e tendo en conta as demandas veciñais”.

Segundo Seara, a constante modificación da proposta inicial alimenta a confusión: “non temos claro por onde van pasar as liñas, onde pararán nin cada canto tempo haberá servizo”.
O BNG acusa ao rexedor de “crear unha situación caótica por non escoitar nin dialogar” e subliña que o transporte público é esencial para moitas persoas, especialmente nas áreas rurais. “Afecta á vida persoal e profesional da veciñanza, polo que non é admisible a improvisación e os cambios continuos”, afirmou.
O grupo nacionalista reitera a súa proposta de pospoñer a implantación e aplicala de maneira gradual, logo dos axustes técnicos e da análise das necesidades do perímetro rural, ao que consideran “o gran prexudicado do novo mapa de liñas”.