O BNG de Ourense aproveitou o remate do prazo de presentación de emendas ao proxecto de orzamentos do Concello para 2025 para expresar publicamente o seu rexeitamento ao documento.
Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá, o portavoz nacionalista Luís Seara advertiu que “a verdadeira gravidade deste orzamento non está nas cifras de gasto, senón nas bases de execución, que outorgan ao alcalde liberdade case total para manexar os fondos públicos ao seu antollo”.
O BNG alerta dun modelo de xestión ‘perigoso’ nos orzamentos de Ourense
Seara lembrou que o BNG leva anos reclamando a presentación dun proxecto de orzamentos. Tamén denunciou que o Goberno local só cumpriu “coa entrega dun borrador, e iso logo de terllo pasado antes ao PP”.

Aínda así, asegurou que o grupo nacionalista volveu tender a man para o diálogo, sen obter resposta. “O alcalde mesmo chegou a dicir publicamente que co BNG non tiña nada que negociar” lembrou Seara.
O grupo nacionalista valorou presentar unha emenda á totalidade que recolla a súa alternativa, pese ás dúbidas que xera o regulamento ao respecto. “Non ten sentido discutir sobre cambiar 10 euros dunha partida a outra, cando se consolida un modelo que entrega todo o poder ao alcalde para mover os cartos como queira, sen control técnico nin político”, denunciou.
Entre as principais críticas, Seara destacou que as novas bases de execución permitirán ao alcalde cambiar o destino de investimentos aprobados polo Pleno. Estes cambios serían sen necesidade de novo acordo, “convertendo o clientelismo político en norma con rango de lei”.
Seara alertou de que os concelleiros delegados poderán certificar obras sen intervención técnica. Tamén se amplían “desmesuradamente” as bolsas de vinculación orzamentaria e que xa non se precisarán orzamentos previos nin retencións de crédito para contratar.
O BNG alerta dun orzamento que dá «liberdade total» a Jácome
“Se isto se aproba, a xestión municipal pasará a parecerse máis a unha empresa privada ca a unha administración pública”, advertiu Seara, que equiparou o Concello a unha “empresa Jolper” ao servizo do alcalde. “Consolidaríase un modelo de xestión altamente perigoso, limitando a capacidade de control e fiscalización da Intervención Municipal, da Oficina de Xestión Económica e da Oposición”.
Por último, puxo como exemplo o orzamento de 2020: “Había programas dotados que non se executaron, e os cartos foron parar a outras cousas. O problema non é canto se gasta en cada área, senón que o que se aprobe se poida ignorar sen consecuencias”.