O BNG critica que o Concello de Ourense non pagase aínda os 16,6 millóns á empresa de autobuses, pese a ter crédito aprobado.
Desde o grupo municipal do BNG denuncian este xoves un novo exemplo do que considera “caótica e neglixente xestión económica” do Goberno Local de Ourense.
O BNG alerta dun novo incumprimento do Goberno Jácome
Fíxoo tras coñecer o contido do punto décimo da orde do día da Xunta de Goberno Local, no que se daba conta dun Auto do Xulgado Contencioso-Administrativo número 2. Este Auto obriga ao Concello a pagar de forma inmediata á empresa Autobuses Urbanos de Ourense S.L.
O Auto ordena ao Concello que abone no prazo máximo dun mes as cantidades fixadas en diversos autos de finais de 2024. Tamén require ao alcalde que identifique ás autoridades responsables do cumprimento da sentenza no prazo de cinco días. A resolución xudicial fai referencia á sentenza firme que obriga ao pago de 16.661.861,77 euros, dos que 1.963.041,65 euros corresponden a xuros de mora.
O BNG lembra que o 15 de novembro de 2024 o Pleno da Corporación xa aprobara unha modificación de crédito, a 25P/2024, para facer fronte a esa sentenza. “Aquel día o Goberno imploraba apoio á Oposición para poder pagar, acusando de irresponsabilidade a quen non o fixese”, lembrou o portavoz nacionalista Luís Seara.

Agora, apenas catro meses despois, o xulgado ten que requirir ao Concello porque o pago segue sen realizarse. “É a proba da nula capacidade de xestión do Goberno de Jácome, que aproba modificacións tarde, mal e arrastro, e logo non as executa”, afirmou Seara.
O portavoz do BNG advertiu tamén do agravamento da situación, pois na proposta que se leva á Xunta de Goberno Local inclúese un recurso de apelación contra o Auto. “Estamos ante unha manobra dilatoria que pode ter consecuencias moi graves para as arcas municipais. Se non gañan a apelación, os xuros de mora —que xa rozan os dous millóns— seguirán aumentando”.
Seara concluíu sinalando que “o Concello está camiñando cara ao colapso económico e institucional, cunha parálise sen precedentes que imos pagar todos e todas”.