O BNG de Barbadás condena a operación militar dos Estados Unidos en Venezuela do 3 de xaneiro de 2026, que, segundo denuncia a formación nacionalista, supuxo unha grave violación da soberanía nacional e do Dereito Internacional.
Esta intervención rematou coa detención do presidente da República Bolivariana de Venezuela e da Primeira Dama, así como a morte de arredor dun cento de civís.
O BNG de Barbadás pide condenar a intervención estadounidense en Venezuela
O portavoz do BNG no Concello de Barbadás, Sarín Núñez, considera que “tal actuación constitúe un acto de agresión militar que vulnera de maneira flagrante o Dereito Internacional e, en particular, a Carta das Nacións Unidas, que consagra os principios da integridade territorial, da soberanía dos Estados e da non-intervención nos seus asuntos internos”.

Ao seu xuízo, trátase dunha “grave ameaza para a paz e a seguridade tanto a nivel rexional como internacional”.
Desde o BNG entenden que “este uso ilexítimo da forza establece un precedente extremadamente perigoso para a estabilidade de América Latina e inscríbese nunha escalada belicista que pon en risco a convivencia pacífica entre os pobos”. A formación nacionalista cualifica os feitos como “un golpe de Estado de carácter militar e económico, con consecuencias tráxicas en vidas humanas, que debe ser condenado con rotundidade pola comunidade internacional”.
Diante desta situación, Núñez defende que “as entidades locais, no ámbito das súas competencias e como expresión da vontade democrática da cidadanía, teñen tamén a responsabilidade de pronunciarse en defensa da paz, do Dereito Internacional e dos principios fundamentais que rexen a convivencia entre as nacións”.
Neste sentido, o BNG anuncia que instará ao resto dos grupos municipais a condenar de maneira firme a operación militar, ao considerala unha grave violación da soberanía da República Bolivariana de Venezuela e da Carta das Nacións Unidas.
Finalmente, o BNG de Barbadás subliña a necesidade de “reafirmar o dereito á autodeterminación do pobo venezolano e o principio da non-intervención nos asuntos internos de Estados soberanos”, que consideran piares esenciais para unha orde internacional xusta, democrática e pacífica.

