Desde o BNG do concello de Barbadás pide conxelar as taxas das escolas deportivas que subiron un 120% nalgúns casos.
«O Goberno Local de Barbadás formado polo PSdeG-PSOE e DO, vai claramente cara un modelo antisocial destes servizos que deberan ter un prezo máis ou menos simbólico para que non exclúa a ninguén pois falamos dun servizo público», sinala Sarín Núñez, voceiro do BNG.
O BNG de Barbadás pide conxelar as taxas das escolas deportivas
No mes de xullo, o BNG votaba en contra da derogación da Ordenanza de servizos educativos. «Xa dixemos daquela que se visualizaban na proposta criterios exclusivamente económicos, non xustificados e que non introducían melloras sociais no servizo».
No pleno extraordinario deste luns, 9 de setembro, o BNG solicitará conxelar as taxas das escolas deportivas. «Dun tempo a esta parte obsérvase un aumento das taxas absolutamente abusivo e fóra de lugar no relativo ás Escolas Deportivas, algunhas chegando ao 120%».
Este pleno contará coa participación de representantes das persoas afectadas polo aumento das taxas. Nesa liña, Núñez indica que «entendemos preciso a conxelación das taxas para o presente curso e favorecer así que as familias en xeral pero, sobor de todo, as que se atopan nunha situación económica máis delicada, podan inscribir as súas crianzas xa que teñen o mesmo dereito a desfrutar das nosas Escolas Deportivas».