O Pleno de Barbadás debaterá este luns a moción presentada polo BNG, centrada en medidas para favorecer o acceso á vivenda, especialmente entre a veciñanza máis vulnerable.
A proposta inclúe modificar a Ordenanza do IBI e crear un regulamento específico para declarar vivendas desocupadas de forma permanente.
O BNG reclama en Barbadás recargas no IBI para penalizar a vivenda baleira
O portavoz nacionalista, Sarín Núñez, afirma que a existencia de numerosas vivendas baleiras. “Constitúe un dos factores que contribúen á tensión do mercado residencial”, ao reducir a oferta e dificultar o acceso a unha vivenda “en condicións dignas e asumibles”, sinala Núñez.

Subliña tamén que os prezos “incrementan de forma constante e desconectan cada vez máis da capacidade económica das rendas comúns”.
Desde o BNG lembran que os concellos dispoñen de ferramentas fiscais e regulamentarias para “incentivar o uso efectivo das vivendas e desincentivar a súa desocupación prolongada”. Consideran necesario adaptar a normativa local para actuar sobre os grandes tenedores.
A formación propón, ademais, crear un Regulamento de Declaración de Vivenda Desocupada Permanente, que defina un procedemento administrativo claro, garanta o dereito de defensa das persoas propietarias e inclúa a publicación anual dun censo de vivendas declaradas baleiras e sometidas a recarga do IBI. Con este sistema, sinala Núñez, a cidadanía podería coñecer “o impacto real destas medidas sobre o parque inmobiliario do municipio”.
O BNG defende tamén aplicar recargas fiscais sobre o IBI ás vivendas declaradas baleiras:
- 50% para aquelas desocupadas máis de dous anos.
- 100% para as que leven máis de tres anos sen uso.
- 50% adicional cando o mesmo titular posúa dúas ou máis vivendas desocupadas no termo municipal.
Con estas medidas, o grupo nacionalista pretende reducir o número de vivendas baleiras, aumentar a oferta dispoñible e favorecer o acceso a unha vivenda digna.