O Hospital de Piñor, un dos centros sanitarios públicos asociados ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), presta servizo nunha estrutura dispersa en varios edificios, tanto dentro como fóra do complexo principal.
Esta dispersión, segundo denuncia o portavoz do BNG en Barbadás, Sarín Núñez, complica a mobilidade e a accesibilidade para doentes, profesionais sanitarios e acompañantes.
O BNG urxe melloras no transporte ao Hospital de Piñor
Núñez alerta de que a situación é especialmente crítica pola “inexistencia dunha rede de transporte público eficiente”, o que, segundo afirma, agrava a dispersión dos recursos asistenciais.

O nacionalista lembra que o CHUO é o hospital de referencia para toda a provincia, polo que os desprazamentos desde diferentes comarcas cara á cidade son frecuentes, “cunha rede de transporte interurbano insuficiente e, en moitos casos, incompatible cos horarios sanitarios”.
Desde o BNG consideran que a ubicación do Hospital de Piñor no termo municipal de Barbadás evidencia a carencia dun sistema metropolitano de transporte “real e operativo” na área de Ourense. Esta situación viuse agravada, segundo engaden, pola recente reorganización derivada dos problemas estruturais do Hospital Materno Infantil, o que implicou o traslado de máis servizos a Piñor sen reforzar previamente as conexións por estrada.
“A accesibilidade á sanidade pública é un dereito fundamental que non pode depender da existencia ou non de medios de transporte axeitados”, sinala Núñez. Por este motivo, a formación nacionalista demanda “medidas urxentes” para reorganizar e reforzar os servizos de transporte público, especialmente coa posta en marcha dun Plan de Transporte Metropolitano que dea resposta ás necesidades reais da cidadanía da área de Ourense.