O BNG de Cenlle solicitou no pleno extraordinario celebrado este domingo, 13 de outubro, a creación dunha comisión de investigación para esclarecer a xestión da auga no municipio e determinar as responsabilidades políticas dos gobernos do Partido Popular, aos que atribúe unha “grave neglixencia” que xerou débedas e sancións millonarias.
Segundo denunciou o grupo nacionalista, o Concello foi sancionado por Augas de Galiza con máis de 236.000 euros, unha cifra que podería superar os 300.000 euros, xa que desde 2018 non se ingresou o canon da auga recadado á veciñanza, malia constar como cobrado nos recibos.
O BNG esixe transparencia sobre o canon da auga en Cenlle
O boletín municipal xa recolle que a débeda real continúa medrando debido aos xuros de demora e recargas, custos que o actual goberno do PP pretende repercutir nos fogares do municipio.

Xosé Gabriel Alberte, portavoz nacionalista, afirmou que “non pode ser que tres alcaldes distintos do PP durante sete anos deixasen sen pagar o canon e que agora ninguén saiba onde foron parar os cartos que saíron dos petos da veciñanza”. Por iso, o BNG considera “imprescindíbel” abrir unha investigación política, máis aló da vía xudicial, para aclarar as posibles responsabilidades directas dentro do Partido Popular de Cenlle.
Alberte subliñou que “a cidadanía de Cenlle merece transparencia, verdade e reparación, non silencio nin escusas”, e advertiu que non abonda con depurar responsabilidades administrativas ou xudiciais: tamén é necesario asumir responsabilidades políticas.
O BNG lembra que leva tempo denunciando a mala xestión do PP, que agora se traduce nun incremento do 5 % no recibo da auga e nunha carga adicional de 162 euros por fogar para facer fronte á multa. O grupo nacionalista insiste en que estes custes non deben recaer sobre a veciñanza, senón sobre quen provocou a situación.
Por último, o BNG insta ao goberno local a facer pública toda a documentación económica e contable sobre a recadación do canon da auga desde 2018, colaborar coa investigación penal e coa comisión política, e garantir que non se repercutan xuros nin recargas á veciñanza por mor da súa propia neglixencia.
“Non é só un problema económico: é unha cuestión ética e democrática. A xente de Cenlle merece saber onde foron parar os cartos que pagou”, concluíu Alberte.