O BNG de Ourense solicitará no próximo Pleno municipal a convocatoria urxente da Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible da Cidade, creada polo Concello o pasado mes de febreiro, para abordar unha polémica urbanística sen resolver: a do edificio coñecido como “dos Franciscanos”, situado na rúa Cardenal Quevedo nº1.
Segundo o voceiro nacionalista, Luís Seara, a situación arrástrase desde hai anos sen que o Concello adoptara solucións, a pesar de que os promotores do inmoble sosteñen, con até tres informes técnicos, que a construción cumpre coa legalidade vixente.
O BNG esixe abordar o caso do edificio dos Franciscanos
O BNG considera que a persistencia do conflito, que mesmo motivou unha Comisión de Investigación “pechada en falso”, xustifica a intervención da Mesa, creada precisamente para resolver incidencias urbanísticas de xeito transparente e participativo.

Seara alerta da gravidade das acusacións feitas polos promotores nos medios de comunicación, nas que se cuestiona o funcionamento da Concellería de Urbanismo e se fala de “presuntas prácticas corruptas”, implicando a técnicos e membros da Corporación, tanto actuais como pasados. “Estas acusacións afectan directamente á imaxe e á credibilidade do Concello”, afirma o voceiro, e subliña que o Goberno local debería ter adoptado xa medidas legais para protexer a honorabilidade da institución.
Desde o BNG insisten na necesidade de pór fin a esta situación para evitar que continúe deteriorándose a reputación municipal e, sobre todo, para previr que o Concello de Ourense teña que facer fronte no futuro a posibles indemnizacións millonarias no caso de que a xustiza dea a razón aos promotores.