O Grupo municipal do BNG fixo pública esta mañá a súa valoración sobre o novo mapa de liñas do transporte público de Ourense, implementado polo alcalde Gonzalo Pérez Jácome, tras varias xornadas de seguimento da súa evolución.
Luís Seara, portavoz nacionalista, asegurou que “a proposta do alcalde é un absoluto fracaso”.
O BNG califica de “fracaso” o novo mapa de liñas de bus de Ourense
Seara criticou a falta de diálogo co tecido social, a ausencia de informes técnicos e as modificacións continuas antes e despois da súa entrada en vigor. O portavoz nacionalista subliñou que o BNG xa pedira analizar con rigor a proposta e adiar a súa implantación, algo que o rexedor rexeitou.

Segundo o BNG, as principais afectacións do novo mapa de liñas inciden nos estudantes, persoas maiores e con mobilidade reducida. Tamén afectaron a traballadores e veciños que agora se atopan con rutas máis longas, transbordos adicionais e vehículos saturados. Entre as liñas máis afectadas sinalaron as 1A-B, 3, 6, 7, 8, 11 e 13. Estas liñas foron caracterizadas por incumprimento de horarios, percorridos excesivos e sobrecarga de pasaxeiros.
Seara destacou tamén o impacto sobre as e os condutores do servizo. Lembran que moitos son obxecto de queixas da cidadanía pese a non ter responsabilidade sobre a planificación do transporte.
Para canalizar a protesta cidadá, o BNG anunciou que a partir deste luns os seus concelleiros estarán nas paradas de bus para recoller sinaturas nunha queixa xeral. O obxectivo é que o alcalde revise e corrixa a proposta “previo diálogo social e con asesoramento técnico”.