O BNG de Ourense denuncia a ocupación ilegal da cafetería do Xardín Xaponés que «a día de hoxe non ten ningunha relación contractual co Concello».
Sinalan que esta relación rematou o pasado 15 de outubro ó resolver o contrato o concello de Ourense «por incumprimento grave do mesmo».
O BNG denuncia a ocupación ilegal da cafetería do Xardín Xaponés
Luís Seara, voceiro municipal do BNG, lembra que «A Pajarera adxudicouse por un importe de 68.970 euros e por un prazo de cinco anos improrrogables en xullo de 2020». Indica Seara que «nós fomos os únicos que puxemos en cuestión esa adxudicación e o certo é que o tempo deunos a razón» a pesares de que o alcalde sinalaba que era «un dos grandes éxitos da súa xestión».
Tras numerosos feitos nos que se incumpría a adxudicación, o BNG presentou varias preguntas no Pleno sobre o rescate da mesma. «Á vista do informe da Intervención municipal, non lle quedou outra que resolver o contrato por incumprimento culpable do contratista consistente na cesión non autorizada do contrato e incautar a garantía definitiva prestada en forma de aval, é dicir 14.250 euros», destaca Seara.
A pesar da resolución do contrato, a cafetería segue aberta e desde o BNG indican que «hai un contrato que se resolveu por cesión ilegal. Ese terceiro, que non ten contrato co Concello, segue xestionando a cafetería polo tanto preguntámonos, como é posible que o Concello permita que unha empresa, coa que non ten contrato, xestione unha concesión pública».