Representantes institucionais do BNG en Concello, Deputación e Parlamento de Galiza reuníronse na rúa do Regato para expresar o seu rexeitamento ao proxecto presentado pola Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galiza, Ethel Vázquez.
O portavoz do BNG no Concello, Luís Seara, cualificou a proposta como “un remendo” que non aborda o problema fundamental: o colapso de tráfico na rúa Ramón Puga.
O BNG esixe á Xunta un vial completo até Barrocás
Seara subliñou que o vial actual, cun único carril en cada sentido, resulta insuficiente para absorber o tráfico de autobuses, ambulancias, vehículos cara a urxencias, así como o tránsito ordinario cara a Barrocás e Rairo. “A construción total do vial de conexión entre a N-525 e Barrocás, que defendemos desde o BNG, contribuiría notablemente á mellora da mobilidade da cidade no seu conxunto e na contorna dunha das infraestruturas chave”, afirmou.

A formación nacionalista non se limitou a criticar o proxecto senón que levou a cabo diversas iniciativas nos últimos meses. O BNG presentou propostas tanto no Pazo do Hórreo como na Deputación e, máis recentemente, no Pleno do Concello no pasado mes de xaneiro. Ademais, puxo en marcha unha campaña informativa nos barrios afectados para explicar á veciñanza as alternativas propostas.
O Grupo Municipal do BNG tamén denunciou o silencio do Goberno Local durante todo o proceso. “Chama poderosamente a atención que ao longo de todos estes meses o Goberno Local estivera calado e mesmo desprezara as propostas que fixemos desde o BNG”, criticou Seara, engadindo que agora o executivo municipal parece sumar ás súas reivindicacións, aínda que «tarde».
Por outra banda, o BNG lamentou que a nota de prensa emitida polo Concello mencionase o acordo plenario acadado en xaneiro sen citar que fora impulsado pola formación nacionalista. “Moito nos tememos que a posición do Goberno Local quedará soamente niso, nunha mera queixa e pouco máis”, advertiu Seara.
O BNG continúa a reclamar unha solución efectiva para os problemas de mobilidade na zona, apostando pola construción completa do vial até Barrocás como única alternativa viable para desconxestionar a rúa Ramón Puga e mellorar a circulación en Ourense.