Noticias

O BNG esixe explicacións por outra avaría no Hospital de Ourense

A avaría rexistrada esta mañá na terceira planta de cardioloxía do Edificio Cristal do Hospital de Ourense levou á deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, a rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego para exixir transparencia e explicacións á Xunta sobre o sucedido.

Segundo denunciou Presas, “é escandaloso que, como se non fora suficiente o colapso de Urxencias e a falta de camas nesta primeira quincena de xaneiro, o Hospital de Ourense volva ser protagonista da actualidade por outro rebentón de tubaxes”.

O BNG esixe explicacións por outra avaría no Hospital de Ourense

A deputada subliña que, aínda que nesta ocasión non houbo danos persoais, o incidente evidencia unha situación límite no centro sanitario nun momento de alta incidencia de enfermidades respiratorias, no que non existe capacidade suficiente para atender a demanda asistencial.

O BNG esixe explicacións por outra avaría no Hospital de Ourense
Foto: BNG

A parlamentaria nacionalista lembra que non se trata dun feito illado. “A constante sucesión de incidencias, como o rebentón do mes de abril ou os problemas que obrigaron ao peche do Hospital Materno Infantil, provocan unha enorme inseguridade na cidadanía”, sinalou. Por este motivo, desde o Grupo Parlamentar do BNG insisten na necesidade dunha auditoría independente que avalíe o estado real das instalacións do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e reclaman explicacións concretas sobre esta última avaría.

Presas tamén volveu poñer o foco na falta de información arredor do derrubamento do Materno Infantil. “Desde o BNG insistimos en ter acceso aos informes que recomendaron a demolición, porque case un ano despois da crise dos derrubamentos esa documentación segue a ocultarse á cidadanía”, afirmou. Ademais, denunciou que non existen avances no novo edificio de hospitalización, que segundo o previsto debería levar xa un ano rematado.

Para a deputada ourensá, o ocorrido este martes é “unha nova mostra da precariedade da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, máis propia dunhas instalacións de posguerra que do século XXI”. Presas advertiu de que estes episodios repítense no tempo e evidencian, ao seu xuízo, a falta de investimento e planificación da Xunta de Galicia na sanidade pública da provincia.

Botón volver arriba