Noticias

O BNG critica con dureza o novo servizo de transporte urbano en Ourense

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Ourense cualificou de “fracaso absoluto” a implantación do novo mapa de liñas, horarios e paradas do servizo de transporte público colectivo, en funcionamento desde o pasado 16 de setembro.

Luís Seara, portavoz municipal da formación, atribúe a responsabilidade directamente ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, por “empecinarse en trocar a totalidade do mapa cando só eran precisos axustes e correccións”.

O BNG critica con dureza o novo servizo de transporte urbano en Ourense

Segundo o Executivo local, a reestruturación, que reduciu de 33 a 16 o número de liñas, tiña como obxectivo optimizar recursos, mellorar a operatividade e poñer fin aos incumprimentos horarios, ao tempo que conectaba zonas e centros de interese que até entón permanecían illados.

Foto: BNG

Con todo, o BNG denuncia que a medida “xerou incertidume entre a veciñanza”. Segundo o BNG, as modificacións implantáronse “sen informes técnicos, sen diálogo social e sen probas previas” para detectar posibles disfuncións. “Os cambios continuos antes e despois da entrada en vigor situaron o servizo no peor escenario posíbel”, lamenta Seara.

A formación nacionalista asegura que o novo modelo “afondou nos problemas que pretendía resolver”. Destacan o incumprimento de horarios, o exceso de aforo e percorridos demasiado longos que rozan os límites legais de condución. Ademais, o BNG denuncia que varios barrios e núcleos poboacionais, como Peliquín, quedaron sen servizo de transporte.

Seara tamén criticou a “deficiente xestión comunicativa” do Concello, sinalando que a información sobre os cambios non se difundiu polas canles institucionais. Isto obriga á cidadanía a informarse a través das redes persoais do alcalde. “É unha mostra máis da patrimonialización do Concello por parte de quen o dirixe”, afirmou.

Ante esta situación, o grupo municipal nacionalista presentará no próximo pleno tres propostas:

  1. Restablecer o servizo de transporte nos barrios e núcleos que quedaron sen el.
  2. Garantir que a comunicación municipal se realice unicamente a través das canles oficiais.
  3. Convocar con urxencia unha reunión entre o Goberno local, os grupos municipais, colectivos veciñais e representantes do persoal do servizo para avaliar a situación e acordar medidas correctoras.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.