Noticias

Seara reclama que o Concello asuma o sobrecuste do SAF

O Grupo municipal do BNG levará ao Pleno do Concello de Ourense deste venres 5 de setembro a situación do Servizo de atención á dependencia e esixirá melloras no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que actualmente presta o Concello a través da empresa Clece SA.

O portavoz nacionalista, Luís Seara, advertiu que “o sistema público de atención á dependencia en Galiza está a sufrir un preocupante proceso de desmantelamento”.

Seara reclama que o Concello asuma o sobrecuste do SAF

Segundo destacou, a política da Xunta do PP “lonxe de garantir os dereitos das persoas dependentes, aposta por un modelo asistencialista e privatizador que empobrece o servizo público e devolve os coidados ao ámbito doméstico, recaendo maioritariamente sobre as mulleres”.

Seara reclama que o Concello asuma o sobrecuste do SAF
Foto: BNG

Os datos avalan a crítica: máis de 2.000 galegos agardan pola valoración da dependencia, cunha media de 361 días, o dobre do que marca a Lei de Dependencia. Ademais, Galiza é a comunidade que menos inviste por persoa dependente, con 1.317 euros anuais fronte aos case 2.000 da media estatal.

Seara subliñou que “por primeira vez hai máis persoas dependentes pagando unha residencia privada que ocupando unha praza pública ou concertada”. Máis de 7.400 persoas reciben unha axuda de entre 361 e 420 euros ao mes, cando o custo medio dunha residencia supera os 2.000 euros.

No caso concreto de Ourense, o SAF supón un custo próximo aos doce millóns de euros para as arcas municipais, pero acumula queixas polo incumprimento de prazos e un incremento de até o 30 % na achega que deben facer os usuarios. “Moitas persoas non poden asumir este gasto excesivo e inxustificable”, lamentou Seara.

O BNG proporá que sexa o Concello quen asuma ese incremento, como xa fan outros municipios, e reclamará que a Xunta eleve a súa achega até os 20 euros por hora, reduza os tempos de valoración e incremente o investimento por persoa dependente. “É imprescindíbel que o Pleno se posicione en defensa do sistema público de atención á dependencia e esixa á Xunta un cambio radical nas súas políticas”, concluíu.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.