Noticias

Seara acusa ao alcalde de Ourense de «perverter o debate político»

O Pleno extraordinario do Concello de Ourense celebrado esta mañá transcorría con normalidade até que, no debate do segundo punto da orde do día, unha modificación de crédito de máis de 24 millóns de euros para pagar débedas coas concesionarias da auga e do lixo, o secretario xeral pediu intervir para rebater un argumento do portavoz do BNG, Luís Seara.

O feito motivou o abandono inmediato dos concelleiros nacionalistas en sinal de protesta por algo que, segundo afirmaron, “non é a primeira vez que acontece”.

Seara acusa ao alcalde de Ourense de «perverter o debate político»

Ao remate da sesión, o grupo municipal do BNG compareceu ante os medios. Seara explicou que a decisión “non foi doada, pero había que dicir basta”. Engadiu que “o BNG caracterízase polo rigor e polo respecto á veciñanza, e non imos aceptar que se desvirtúe o debate político”.

Seara acusa ao alcalde de Ourense de "perverter o debate político"
Foto: BNG

O portavoz nacionalista acusou o alcalde de “covardía” por permitir que “ante a falta de argumentos, empregue ao seu primo de zumosol, o secretario xeral”. Criticou que “se pretenda dar voz a un técnico para confrontar politicamente”, algo que cualificou de “perversión do debate democrático”.

Respecto da Modificación de Crédito 5P/2025, Seara afirmou que “o goberno local inventouse un novo procedemento ao admitir unha autoemenda á proposta”, lembrando que “as propias bases de execución do orzamento establecen o contrario”. Engadiu que, a partir de agora, o BNG presentarase “lexitimado para introducir emendas en todas as modificacións de crédito que se leven a Pleno”.

O portavoz concluíu que o acontecido “marca un antes e un despois” e advertiu que o grupo nacionalista non tolerará máis situacións nas que “se desvirtúe o papel dos representantes da cidadanía”.

Botón volver arriba

Bloqueador de anuncios detectado

Hemos detectado que usas un bloqueador de anuncios. Por favor, desactívalo.